UN DOS xornais de máis circulación publicou unha ampla reportaxe sobre o soberanismo de Quebec. En xeral, é de gaba-lo o esforzo informativo do autor e tamén do xornal, anque este fixo todo o posible por rebaixa-la importancia do tema ó xogar cos titulares que ó longo de cinco días foi poñendo á tal reportaxe. E así, subliñou que se trataba do soberanismo que Ibarretxe copiou -as posibilidades de elixir non son moitas-, que os soberansitas quebequeses teñen certa envexa do sistema fiscal do País Vasco, ou que alá non entenden o terrorismo de acá -como se houbese algunha semellanza entre as dúas sociedades-. Pero non destacou de maneira semellante que alá, a diferencia de acá, houbo xa máis dun referendo nos que se someteron a consulta plans soberanistas. ¿Habería acá un só político, un só, que poida dicir o que dixo un de alá: «O valor capital de Canadá é a serenidade, a nosa capacidade de tolerancia, a nosa disposición a discutir, a recoñecer ó adversario»? Nun país así non pode haber terrorismo.