TODOS estabamos agardando un final feliz, un final made in Hollywood . A ocasión era do máis propicia: médicos de todo o mundo traballando de forma desinteresada para superar un erro da Natureza. Sería o triunfo da ciencia e da solidariedade sobre a fatalidade do destino. E as protagonistas merecían un final feliz: unidas polo cráneo dende o nacemento, non se entregaron pasivamente á súa desgracia senón que combateron dende que tiveron uso de razón contra ela. Fixeron ó longo da vida, cun esforzo titánico, o que a xente que tivo a sorte de nacer ben fai de maneira natural: xogaron, estudiaron e traballaron. Eran unhas loitadoras que nunca se resignaron a aceptar o inxusto destino que lles tocou: ser unha anormalidade vivente, un fenómeno de feria, un monstruo da natureza. A súa decisión de loitar contra ese destino adverso advírtese no seu empeño en aprender a facer cousas inútiles para elas como montar en bicicleta. Unha ía montada e a outra a pé á sua beira. Non lles servía para desplazarse, pero sí para demostrarse a elas mesmas que eran capaces de facer todo o que os que se chaman normais poden facer. Unhas persoas con esa mentalidade antivictimista non podían resignarse a continuar así o resto da súa existencia se había algunha posibilidade de mellorala. O que lles agardaba de seguir unidas non era só un deterioro cada vez maior da súa xa precaria calidade de vida; era sobre todo a imposibilidade dunha vida independente, dunha liberdade de elección á que todo ser humano debe ter dereito. O precio desa soñada liberdade podía ser a vida, e non dudaron en pagalo. Dende os catorce anos estaban dispostas a arriscarse para conseguir os seus desexos. Tardaron quince anos máis en ter a opción de elexir. As posibilidades de éxito eran moi escasas e elas sabíanno e non dubidaron: querían saír do quirófano separadas ou mortas. Non foi un suicidio. Foi unha aposta pola esperanza e pola dignidade da vida. Merecían un final feliz, pero a vida é así.