A PRINCIPIOS de xullo, ano 2003, contemplando con pasmo a mediocridade do debate da nación ou da nación debatida, abatida, timorata, contemplando con asco al Tamayo y a la otra, contemplando o ceo encapotado ou pleno de sol tortilla francesa, las chicas que van y vienen de Sanxenxo a Ribadeo, o vaso derrotado dun gintonic sen tónica, a principios de xullo, digo, o que asina o presente documento, oséase eu mesmo, declaro: que necesito converterme no okupa que okupe uns ollos este verán adolescente, que son facilón e subo co primeiro individuo ou individua que me ofreza caramelos na porta do meu colexio sen rutina, que os amigos son incambiables (como os Stones), que non me gusta perder o tempo perdido, que penso recitar varios poemas panfletarios en calquera recanto noctámbulo deste país de cabeza inclinada e si señor, que cambiaría o mundo se alguén me ofrece un ramo de flores, que volver a empezar é un modo de ser, que a ilusión é o cupón que nos toca, que sobrevivimos, que somos o que soñamos, que soñamos e, por iso, declaro esta declaración de amor. Porque en mamá Galicia, cariño, cada día é unha canción fresquita: Calavera, yo me vuelvo un calavera. ¡Ay! ¡Qué verano tan loco, corazón!