VENTO NAS VELAS
27 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.0 30 POR CENTO dos cidadáns norteamericanos non se fía do que din os xornais. O director da revista Time advírtenos do perigo. «Ata hai pouco a xente cría todo o que contaban os periódicos. Dun tempo a esta parte empeza a suceder exactamente o contrario: a xente cre cada vez menos o que lle contamos». A cuestión é tanto máis grave canto que a devandita porcentaxe compútase sobre a poboación lectora, non sobre o total da poboación, e estamos a falar da sociedade que fundamentou boa parte da súa identidade política nos valores da información e a liberdade de expresión, símbolos da democracia representativa e dos dereitos da cidadanía. Lembremos a frase de Jefferson. «Prefiro periódicos sen goberno antes ca un goberno sen periódicos». A crise do New York Times está a cuestionar moi seriamente o modelo, entre outras cousas porque non é o único caso. Outros rotativos xa experimentaron antes esta situación, entre eles o mítico Washington Post , que no seu día tivo que renunciar a un Pulitzer cando se descubríu que unha das súas xornalistas inventara a reportaxe premiada. Desta vez a repercusión foi aínda máis espectacular. Hai poucos días que nos enteirabamos do fraude do reporteiro Jayson Blair, acusado de inventar ou fabular noticias, na procura dunha fama que acabou ben efímera, por certo, xunto coa dimisión dun dos redactores xefes máis prestixiosos do rotativo, Rick Bragg, o pasado 28 de maio, que tamén terá que devolver o Pulitzer, logo de recoñecer que os artigos polos que recibíu o premio non eran seus, senón dun colaborador do xornal, a quen llos roubou descaradamente. No capítulo das determinacións exemplares (positivas) hai que recoñecer que, a partir destes dous casos, os primeiros responsables do periódico, o director e o director adxunto, foron inmediatamente cesados: Howell Raines e Gerald Boyd. O seguinte caso acaba de estourar hai poucas horas. Judith Miller, correspondente en Bagdad, xornalista de referencia dende hai varios anos, especializada en política internacional, a quen un sector da prensa acusaba incluso de dictar a axenda da vida política norteamericana, tal era a súa influencia, aparece gravemente implicada na manipulación de noticias sobre a guerra de Iraq, instrumentada polo Pentágono a prol da difusión de informacións sobre as supostas armas químicas (de destrucción masiva) existentes naquel país, principal argumento que a administración Bush veu utilizando para xustificar a súa intervención militar. Judith Miller era experta en guerra bacteriolóxica. O lector pode atopar algúns dos seus libros no mercado español. Integrada nas forzas norteamericanas de ocupación, as súas crónicas viñan sendo referencia obrigada para a comprensión e o seguimento dos feitos. O Washington Post acaba de descubrir que as súas fontes, ademais de non contrastadas, están viciadas: as crónicas da xornalista eran elaboradas non a partir dos feitos, senón da información unilateral e interesada da oposición a Sadam Huseín e, moi principalmente, dos asesores militares encargados da dirección da campaña en Oriente Medio. Engaiolada pola fascinación das exclusivas, se non pola complicidade directa coas autoridades do Pentágono, o seu xogo consistía en deixarse ir. A información convírtese, xa que logo, en propaganda. Velaquí as miserias deste oficio difícil e, sen embargo, tan fascinante. ¡Contar a verdade! Contala e, naturalmente, comprobala, contrastala, dende a honestidade e dende a responsabilidade, principios básicos da ética profesional. Podemos equivocarnos. Mesmo poden enganarnos. Non somos infalibles (e estaría ben que recoñecésemos isto de cando en vez, con humildade). O que non podemos é mentir. A mentira é a tumba do xornalismo (e do xornalista). A mentira aniquila o valor máis precioso deste oficio: a credibilidade, moito máis valioso cá obxectividade (invención norteamericana, por certo). A credibilidade é o corazón do xornalismo, marcado pola responsabilidade social e pola ética civil, tanto para os profesionais que o exercen como para as empresas que o xestionan. ¿Cantas veces, no noso ámbito máis próximo e doméstico, asistimos a situacións parecidas: fontes viciadas, intereses cruzados, xornalistas que entran no xogo da adulación e os intereses privados, información convertida en propaganda (dos que pagan ou dos que mandan)? ¿Cantas veces temos o valor de denuncialo?