Dende o meu ceo

OPINIÓN

21 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

é o título co que foi traducida ó castelán a novela de Alice Sebold The lovely bones , da que se teñen vendidos millóns de exemplares nos Estados Unidos e que constitúe un dos fenómenos literarios máis destacados dos últimos tempos naquel país. A voz narradora é a dunha adolescente de catorce anos que foi violada e asasinada e que dende o ceo evoca episodios da súa vida e fai comentarios sobre o que dende alí ve. Teño que recoñecer que eu comecei a lectura levada por certa morbosa curiosidade, porque coñezo a prehistoria da autora: Alice Sebold, filla dun coñecido hispanista, profesor dunha das máis prestixiosas universidades americanas, foi violada por un negro ós dezaoito anos, cando comezaba os seus estudios na universidade e traballaba, como tantos estudiantes americanos, para axuda dos seus gastos. Alice Sebold superou aquela traumática experiencia dun xeito que a min me pareceu moi positivo: en vez de limitarse a contarllo ó psicoanalista, como faría calquera rapaza burguesa americana, contouno por escrito a un periódico e despois á televisión e sacoulle xa entón, fará desto uns vinte anos, unha substanciosa suma de dólares, a parte da satisfacción de facerse oír e denunciar a pouca importancia que no fondo dan as autoridades a episodios dese tipo. Anos máis tarde, en 1999, volveu ó tema cun libro autobiográfico ó que puxo por título Lucky ('afortunada') que foi o que lle dixeron na policía cando foi denunciar a violación: que podía considerarse afortunada por seguir viva. A novela de agora é outra cousa. É unha novela, ou sexa, un relato onde se transcende e se transforma a realidade e onde a imaxinación xoga un papel tanto ou máis importante que a observación. Unha novela atractiva, interesante, ben escrita, con humor, con tenrura, que eu comecei a ler por curiosidade e que continuei por gusto. E coa satisfacción, engadida ó valor literario, de asistir á superación definitiva dun trauma que destroza a vida de moitas mulleres. Unha boa lectura para o verán que comeza.