DÍXOO HAI ben anos Karl Rahner: prósopon -persoa- era a máscara que puña o actor na escena do teatro. Falando da Trindade, confesamos que hai tres Persoas. Pero como hoxe persoa é un individuo, confesamos tres deuses. Santo Agostiño dixo que Deus non viñera facer matemáticos, senón cristiáns, pero os crentes andan a ver como conxeniar tres en uno , e falan do trébol e triangulan o ollo de Deus. Unha doutrina tan elaborada non vén na Biblia, vaise creando na comunidade. Deus é meu Pai e son seu fillo: expresións da nosa experiencia. A ninguén se lle ocorre que nacemos do esperma divino. Estamos ante unha metáfora. Hai uns días recibín a ledicia de que vai habendo xente que ó falar da terceira persoa da Trindade, chámalle Materno Espírito tal como eu fago no libro sobre o Credo. A palabra espírito en hebreo é feminina: A Ruah. Xa o dixen máis veces: é cousa de que o elemento feminino e maternal estean implicados no Misterio coa mesma categoría semántica e relixosa que gozan o paternal e mailo filial.