A VANTAXE de cumprir anos é deixar atrás os temidos exames. Poucos son os que desexarían volver repetir a experiencia: cafés, invocacións a san Pancracio e a santa Rita, risa histérica, calor, chuletas, máis risa histérica, supersticións de última hora («Se o ascensor non para en ningún piso, aprobo»), bolis talismán, miradas cómplices cos compañeiros, chivatazos agoireiros («Vai caer Kant»), suor fría e sorte, moita sorte. A selectividade comezou en Galicia e a maioría dos rapaces engolen as follas dos libros sen máis interese que o de aprobar: están chapando. Un dos significados literais do verbo chapar é 'engulir, comer con moita rapidez', pero figuradamente emprégase co sentido de 'estudiar de forma memorística sen preocuparse de entender o contido' (Temos que chapar a lección para o exame de mañá). De aí que por chapatoria se entenda o 'método de estudio que se basea exclusivamente na memorización' (Estudiou de chapatoria a lista dos verbos irregulares). Hoxe en día o verbo chapar estendeu o seu significado ata rematar sendo sinónimo de estudiar (sen método nin forma concreta): «Nas vacacións de verán estivo chapando dúas materias». Así sucedeu tamén cos substantivos chapón e chapona que pasaron de designar á 'persoa que estudia de memoria, palabra por palabra, sen entender o contido' a designar á 'persoa que estudia moito e que normalmente obtén bos resultados' ou á 'aquela que consegue boas cualificacións' (Ese rapaz é o chapón da clase). Todas estas formas, pertencentes á lingua galega, son comúns no noso ámbito lingüístico e algunha, como chapar , aparece recollida no castelán de fóra de Galicia, aínda que dun xeito máis restrinxido. Boa sorte para todos aqueles que están chapando.