O DECLIVE conservador en Galicia é a máis importante consecuencia destas eleccións. Pero aparece difuminada na batalla da explicación postelectoral porque os estrategas do PPdeG poden agochar a derrota do seu partido nas frustradas espectativas dos que coidaban nunha debacle pola incompetente xestión no Prestigegate, adubada coa antipopular guerra de Aznar. Beiras, Zapatero e o seu electorado máis militante fiaron excesivamente no efecto guerra- Prestige sen reparar que o electorado do PP, tamén militante, non muda o voto por iso, aínda menos nunhas municipais. Tampouco serve agora supoñer que se debe á compra de votos con subvencións, porque nin iso é novo, nin é atinado; aínda que lle sirva a algúns para querer situarse moralmente por riba duns seus veciños alienados. Tamén as universidades, as empresas ou os concellos do PSOE reciben subvencións, non só os mariñeiros. O PP ten un enorme poder en Galicia que só agora empeza a ser erosionado pola alternativa (BNG-PSOE). As probas son tanxibles, pese ao interesado empeño por facer de Muxía a metáfora de Galicia. Na outra Galicia, na enteira, por primeira vez a oposición gaña en votos a un PP que leva catro eleccións perdendo apoios e que non logrou recuperar ningunha das cidades que perdera, presentara ex conselleiros ou candidatos á derrota -agás o enganoso caso de Ferrol-, mentres Ourense mantense como último reducto, coa axuda dun PSOE que non merece aos seus votantes. O devalar urbano de hai catro anos lonxe de deterse pasou agora ás vilas e exténdese á provincia de Lugo. Onde a derrota do PP en Monforte, Ribadeo, Viveiro, Guitiriz e a incapacidade para recuperar Sarria, Foz ou A Fonsagrada, agretan o castelo de Cacharro. Muito se moveu na sombra dos focos que apuntaron a Muxía, nunhas eleccións nas que a dereita que temía unha derrota histórica apelou, mesmo testicularmente, ao seu electorado. Logrouno en Valencia ou en Madrid pero non en Galicia. Claro que se gaña confianza, atopa un substituto a Fraga e aproveita os erros da oposición, ben pode frear o devalo e iniciar outro ciclo de poder sen pasar pola oposición, como correspondería a unha democracia menos perturbada que a do PRI. Cos datos definitivos, escoitadas as declaracións interesadas de dirixentes e asesores, coñecidas as reaccións dos electores e os medios de comunicación foráneos que ollaban espectantes a Galicia, podemos empezar a ver que pasou nos comicios. O vento empeza a espantar a brétema pero en vez de raiolas notamos un irisado resol.