O RESULTADO das municipais é un mosaico de moitas teselas, no que de cote os barrios non deixan ver ás cidades, nin os concellos ás provincias. Aínda que o PSOE gañe en España, como o PP gaña en Madrid non é difícil o autoengano. Tamén son un espacio privilexiado para a análise. Algunhas conclusións son titulares doados, como que o PP confirma o seu declive en Galicia e que o relevo terá que definirse entre o PSOE e o BNG, porque o voto urbano non sancionou, agás no singular caso de Lugo, ningunha nova maioría. Outras van por barrios e dependen do foco que se queira utilizar. Indo máis alá dos titulares e empezando hoxe polo BNG, hai algunhas lecturas posibles. O resultado nas grandes cidades indica que o nacionalismo segue a aproveitar mellor a oposición que o goberno, como demostra a súa subida da Coruña, o resultado de Ourense e o baixón de Lugo. Amais da súa difícil relación co poder, outra constante son as dificultades do BNG para dotarse dun discurso municipalista consolidado e acaído ao caso dunhas eleccións locais; fronte ao protagonismo do discurso galego que ocultou o dos candidatos a alcaldes. Non obstante, a diversidade de comportamentos propia das municipais impeden unha interpretación unívoca. Como tamén fan incribles as explicacións exóxenas. Tal é así que os factores externos ás organizacións, aos candidatos e ás localidades -o Prestige , a guerra, a polarización destas eleccións coma primarias das xerais-, influíron de formas diversas nas diferentes cidades. A comparación entre os resultados do BNG na Coruña e Lugo así o demostra. Medido en concelleiros, o mosaico nacionalista ten unha lectura posible. O BNG baixou onde se preparou preferentemente para resistir o zarpazo dos alcaldes do PSOE (Santiago ou Lugo). En Vigo e Ferrol, os alcaldes non deron superado a debilidade interna provocada polos socialistas no goberno de coalición, ao que en Vigo aínda hai que engadir a erosión pública e notoria ao que o someteu parte da súa propia base (CIG). Onde sumaron cohesión organizativa a un proxecto municipal ambicioso, como en Pontevedra e Ourense, mantéñense sobradamente ou aínda milloran. Cando a isto se engadiron, como na Coruña, factores externos que xeraron correntes de simpatía e erros alleos, a subida foi espectacular.