CODEX FLORIAE
26 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.TEÑO PARA MIN que había tempo que as eleccións non se disfrutaban coma foron disfrutadas as de onte. Non só por que o día acompañou, senón porque había a sensación de que algo importante nos xogabamos todos nelas. Como sempre, pero máis. Viñamos dun tempo onde o xogo de entender o mundo pola banda de cada quen tiña evidentes connotacións políticas, e semellaba como nunca que o voto tiña un valor engadido. Todo elo tivo o seu reflexo na suba da participación electoral, mais tamén o tivo nos resultados. Andabamos en Galicia pendentes do Prestige e o seu valor na conciencia cidadá, andabamos tamén en coñecer canto afectara unha guerra por ninguén aceptada, e máis aínda en saber como queriamos o goberno das nosas vilas e cidades. Aínda en provisional, os cidadáns falamos e formamos a nosa vontade colectiva. Por primeira vez en dez anos, o PSOE gañou unhas eleccións no conxunto de España, sobardando en número de votos ó PP, máis tamén con algúns resultados rechamantes: a baixa en Barcelona e a baixa na Coruña, ademais de non teren chegado a desplazar ó PP da alcaldía de Madrid. Polo que toca a Galicia, tamén por primeira vez a suma do Partido Socialista e do BNG, supera en máis de cinco puntos ó Partido Popular, feito que se produce por primeira vez. A caída do PP é sensible e mesmo se poidera interpretar como desgaste pola acción do goberno, mais tamén como efecto derivado da sua actuación no Prestige. Os resultados do Partido Socialista son bos, asentando a política desenvolvida por Touriño, que xa se recuperara nas autonómicas, e que agora mesmo con operacións políticas internamente arriscadas como en Vigo, consegue unha revitalización e un avance. Sobranceiro e a destacar o impensable avance do alcalde Orozco en Lugo, a suba de Bugallo en Santiago, e a recuperación -pacto co BNG por medio- de Vigo con Ventura Pérez Mariño ó frente. Chamativa a baixa na Coruña de Francisco Vázquez e a suba de Tello e o BNG, onde, ademais do traballo, algo terá que ver o voto da mocedade e o Prestige. Mesmo subindo, son os resultados do BNG os que quizais ninguén esperaba. O discurso tan traído de que o Nunca Máis, o amplo movemento solidario e cidadán, só favorecía ó BNG, non se compadece cos resultados conseguidos nestas eleccións, agás o caso de Pontevedra, onde o alcalde consolida a súa posición e avanza. E se ben o caso de Ferrol ten unhas outras compoñentes, coa desfeita interna do PSOE e a presencia da lista de Juan Fernández, salienta o caso de Vigo, a cidade coas maiores mobilizacións de Galicia, onde perde un concellal e a alcaldía. A melloría dos seus resultados noutras vilas non son quén de facer que para o BNG estas eleccións afirmen o seu camiño. Virán tempos de reflexión. Agardando polos resultados definitivos, podemos constatar un cambio na tendencia electoral, mais para que esta se consolide, aqueles partidos que a representan en Galicia, socialistas e nacionalistas, non deberan esquecer que só co esforzo das mobilizacións cidadáns en protesta por unha catástrofe ou por unha guerra, non abonda. Precisan ademais formular políticas. ¿Pode que como aquelas que percibiron os lugueses do alcalde Orozco?