Constructores de pontes

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

23 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

NECESITAMOS enxeñeiros. Suceda o que suceda mañá, necesitamos enxeñeiros, pontes novas de relación, unha vez consultada a soberanía popular e reconfiguradas as representacións políticas nas corporacións locais e provinciais. Unha campaña electoral (pre-campaña incluida) ten moito de representación e de xogo. Representación do conflicto, confrontación de intereses e de ideas, encarreiradas dun xeito racional, pacífico, regulamentado, que é exactamente o contrario da confrontación violenta, e xogo, xogo dialéctico, quero dicir, que ás veces se radicaliza, máis na forma que no fondo, e acaba deixando no aire unha especie de fume ou borralleira, a paisaxe despois da batalla, que di o poeta. Nesa dobre condición, de representación e confrontación dialéctica, está o segredo do sistema, que canaliza pacificamente as diferencias e as expresa a través dos votos (a razón da palabra e da soberanía, non da forza). O tema vasco é cuestión a parte, debemos recoñecelo. Preocúpanme as campañas electorais polo que teñen de excesivas, mecanismos emocionais, e mais polos arrautos verbais que ás veces se pronuncian nelas. As palabras teñen significado. Parece que as leva o vento, pero deixan pouso, e algunhas veces, na paixón dos contendentes, resultan especialmente duras. A cidadanía debe saber que son parte do xogo e da representación. E os políticos tamén. Cómpre, pois, pensar no día seguinte. Necesitamos constructores de pontes, para recompoñer o espacio de relacións. As eleccións clarifican, pero non sempre resolven. Reconfigurado o espacio, medidos e establecidos os apoios de cada parte, hai que empezar a pensar no día despois: os vencedores, sempre relativos, e os perdedores, relativos tamén, na medida en que neles queda depositada a vontade dunha parte significativa da sociedade que non se pode ignorar. Os votos (a expresión da soberanía popular) deben ser analisados cuantitativa e cualitativamente, e cada quen ha saber tirar logo as súas propias conclusións. O tema vasco non se resolverá pola forza, senón deitando pontes. Hai que empezar a facelo. O conflicto grave do Oriente Medio (incluido o terrorismo), por máis que alguén pense que bombardeando ou ocupando territorios pode disimulalo, responde a unha realidade antiga, complexa, que hai que abordar dende a raíz, non dende as causas inmediatas, se se quere construir realmente unha paz duradeira, e iso esixe foros internacionais estables, lexitimados, para tratalo e compartilo, porque nos afecta a todos, e actuacións complamentarias, de equilibrio (a situación palestina, por poñer un caso, as axudas ao desenvolvemento dos pobos asoballados polos intereses do Primeiro Mundo), sen as cales calquera solución é remendo. Outrosí nos nosos espacios locais, en España e en Galicia. O máis grave dos últimos meses foi a ruptura de relacións. Hai que recompoñelas. Vivimos experiencias certamente extraordinarias, moi duras, mais digan o que digan mañá as urnas, ninguén ten a verdade absoluta, moito menos o dereito a asoballar ao adversario. Debemos ser cuidadosos coas palabras do día seguinte. A sociedade é plural. Os problemas, complexos. As solucións, queirámolo que non, pasan necesariamente polo diálogo e o reencontro, a partir da vontade popular. Non somos illas. Necesitamos un novo estilo, novas actitudes. Agradecerémolas todos. O poder debería deprender esa lección e a oposición, sexa cal sexa, compartila. Sen prepotencia. Sen obcecación resentida. Sen revanchismo.