Un 17 total

OPINIÓN

17 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

UNHA VEZ MÁIS pareceu que en Galicia só houbese un significado para o 17 de maio, que se debería renomear Día da Mala Consciencia: o trauma da diglosia que impide prosperar as Letras (¿de que valen Letras sen Pobo Falante?) leva os galegos a esqueceren o significado global da data. Pero, teimudamente, o 17 de todos os maios é o Día Mundial das Telecomunicacións. O curioso é que as Letras e as Telecomunicacións son parte dun todo humano que atinxe os habitantes do Cárcere Azul e Xiratorio en órbita arredor do Sol. Porque os bichos fabuladores de todas as xeografías e condicións viven na ansia de se comunicaren, de enviaren a súa mensaxe ao maior número de seres coma eles; e de conservaren o discurso para transmitilo alén do tempo. Na fabulación hai vontade de distancia espacial e temporal. Sempre se soubo que a voz se apaga ao lonxe, e que as historias repetidas de boca en boca detúrpanse. De aí nace a escrita; de aí veñen os símbolos e as ideas que xermolan en solucións telecomunicativas, hoxe telemáticas. Por veces xorde na mente dos curiosos do asunto a necesidade de fundir Letras con Telecomunicación, ou de, alomenos, de considerar a Escrita entre as técnicas telecomunicadoras por ser instrumento de comunicación ao lonxe, asíncrona e efectiva. Hoxe, cando a rede de redes facilita a volta á epístola, cando a expresión en modo web facilita novas formas de presentación de textos literarios, cumpriría, se cadra, facer un tratamento conxunto do que ata agora viña separado pola vella brecha entre Ciencias e Letras. Desde unha cultura periférica e malferida, desde un impaís que non se recoñece na súa plenitude de proxección intercultural, intereuro-iberoamericana, quizais pagase a pena un esforzo de imaxinación para fundir todas as formas de comunicar nun día común, o 17 de Maio Total . Sería a forma de matar dous pombos do mesmo tiro, unha orixinalidade marcadora de diferencias culturais: a da integración multimediática verdadeira.