Virus economicus

| ALBINO PRADA BLANCO |

OPINIÓN

ANAT GIVON

10 may 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

HAI XA moitos séculos que o contacto entre poboacións humanas con outras de especies animais veuse multiplicado pola domesticación dalgunhas destas últimas. Tal proceso -xunto co cultivo dos vexetais- define o cerne argumental dun portentoso libro titulado Armas, xermes e aceiro (J. Diamond, 1998) no que se explica cómo para cubrir os distintos usos (alimentarios, forza motriz, fertilizantes, etc.) valémonos de ovellas, cabras, vacas, porcos, cabalos..., xa domesticados. Mais, dende aquela, o seu estreito contacto cos humanos fixo agromar enfermidades. Nos tempos que andamos, a mobilidade (de persoas, bens, animais, ou sementes) multiplicouse e, nese trafego -de camelias a avestruces, ostras ou eucaliptos- pode pasar que un risco a bó seguro estabilizado no seu nicho de orixe, derive a miúdo en catástrofe para unha especie (vexetal, animal ou humana) doutra parte do mundo. Máis aínda. O trafego global, pouco ou nada precavido, pode dar en alimentar a humanos con chimpancés (sida) ou ás vacas (tolas) con restos de ovellas, ultrapasándose unha vella fronteira mais crucial que as xeográficas: que ningún mamífero carnívoro puido ser aínda domesticado para o seu uso alimentario. Ben por pobreza ou por temeridade. Daquela mobilidade e deste trafego levado ó paroxismo anda estes días a agromar unha nova febre, de orixe aínda descoñecido, na vella China... mentres tanto doutros patóxenos animais con riscos latentes e devastadores como a febre de Lassa ou a enfermidade de Lyme pouco ou nada se sabe. Só que estes virus -e as súas vacinas- non son virtuais como os da rede global que é internet, senón ameazas certas e directas para a nosa especie. E que poideran ser, con todo, só o cúmio dese iceberg. Deste telegráfico percorrido histórico deberamos tirar algún resultado económico básico: utilizar razas, variedades e sistemas de alimentación longamente contrastados. Ou dito ó revés: non forzar os ritmos biolóxicos, as cadeas alimentarias, a mobilidade de asentamentos e hábitats na percura dun espectacular rendemento inmediato.