falar.ben@lavoz.es «¿SABES se toca a París o venres?». Esa é a frase que escoito mentres me reparan o coche, e que inicia unha interesante conversa sobre o mundo das orquestras e das fins de semana de moitos galegos. Despois do Prestige, da guerra, e dunha aburrida campaña electoral, o que realmente paga a pena de cara ó verán é saber se a París vai tocar a fin de semana. E digo a París porque é unha das orquestras que na actualidade está conseguindo arrastrar a milleiros de galegos verbena tras verbena. Pero ademais desta orquestra, liderada pola mítica Pepi, están centos delas: Los Satélites, Foliada, Sintonía, Gran Parada, Cinema, Solara, Costa Oeste... todas a punto para amenizar a xa mítica sesión vermú: comuñón de mundos e xentes dispares que se harmonizan baixo o pasadobre, o Cinzano e os foguetes. Festa rachada. Así define o diccionario a palabra esmorga 'algueirada, festa rachada' e este é o título da famosa novela de Blanco Amor, traducida en castelán na súa versión cinematográfica como La Parranda , que foi protagonizada por Fernán Gómez, coa participación da recentemente falecida Queta Claver. Curiosamente, as expresións parranda e parrandeiro, tan comúns entre os galegos, non son formas propias desta lingua. Parranda pertence ó castelán ('juerga bulliciosa, especialmente la que se hace yendo de un sitio a otro'). O galego, ademais de esmorga, coñece múltiples substantivos con significados semellantes: troula, pándega, foliada, chola, rexouba, ruada, trouleo, xolda (e a súa variante non estándar, xoldra ), a xa mencionada algueirada, algareo, etcétera. Xa que logo, en lugar de parrandeiro(a), os diccionarios recomendan o uso de trouleiro(a). Calquera delas é válida para definir o que se vive o día da festa. Vémonos na sesión vermú.