As redes sen fíos

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

ULTIMAMENTE prolifera o termo «inalámbrico», mala versión de « wireless» en spanglish , xa que para conducir sinais eléctricos débiles, coma os das telecomunicacións, non se usan «alambres» (grosos) senón fíos (finos). As «redes sen fíos» non representan un novo concepto, aínda que agora se popularicen gracias ao abaratamento dos dispositivos electrónicos que as fan funcionar. Proveñen da «evolución das redes de cabo (de fíos) de área local», estendidas polo dominio privado (principalmente en oficinas) durante as dúas últimas décadas. As redes de cabo teñen o inconveniente de que cada terminal (ordenador ou teléfono) debe ser conectado a unha toma. Por tanto, a súa mobilidade é discreta, de punto a punto de conexión á rede. Isto fixo deseñar uns dispositivos «transceptores de radio» (emisores e receptores) que dan liberdade de movemento ás máquinas dentro das zonas de cobertura. En calquera caso, as redes de WiFi (abreviatura de moda), funcionan conceptualmente como as súas predecesoras de fíos: por «difusión», cun protocolo de relación entre os terminais que permite a transmisión sen atropelos nun medio común (antes fíos e agora aire). Actualmente xa se conseguen boas velocidades de transmisión, entre 11 e 54 Mbps (mi-llóns de bits por segundo), para os terminais que se conecten ás novas redes, e medra o tamaño das coberturas. Alén de aplicacións en oficinas e vivendas, prevese a súa extensión a zonas suburbanas e rurais en competencia con outros sistemas de acceso á interrede global (e con prezos que poñen en dúbida o futuro desas outras ofertas).