Cara ás urnas

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

30 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

falar.ben@lavoz.es EMPEZOU a campaña electoral e se tivese que votar pola imaxe que aparece nos anuncios publicitarios, mellor quedaba na casa. Tanta seriedade no rostro e tanta escaseza de imaxinación nos slogans sorprenden en cada esquina. Para carteis políticos aqueles que vin na República Dominicana (claro que só había que votar o vello Balaguer), todos eles exceso de cor e sorriso desmesurado. Aínda que para desmesura aquel que tódolos galegos lembramos porque o candidato parecía acabado de saír de Corporación Dermoestética. Pero, saíu e cómo saíu... referendado dende as urnas. Por moito que se empeñen algúns políticos en invitarnos a emitir o voto nas furnas, nada máis lonxe o día das eleccións que meternos nunha caverna. Porque ese é o único significado de furna, 'cavidade grande, natural, feita nas penas e rochas pola erosión, especialmente a producida polo mar'. De moitos é coñecida a famosa praia das Furnas en Xuño na zona de Porto do Son (moi afectada este inverno polo chapapote do Prestige ) e nin qué dicir teñen as furnas que o mar converteu en monumentos na costa de Lugo: as incribles Catedrais. Furna é tamén sinónimo de espenuca, 'caverna natural aberta nunha montaña'. Este substantivo deu lugar a moitos topónimos, en concreto en Coirós existe unha Espenuca onde, por certo, se comen unhas excelentes tortillas. Non iremos para as cavernas, nin moito menos; o día das eleccións presentarémonos nas urnas ('arquetas para depositar as papeletas das votacións') e intentaremos mellorar o mundo.