En primeira persoa

OPINIÓN

25 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

COMO TANTOS de outros, un ten na súa familia indianos asturianos e emigrantes galegos na Cuba do século XIX e primeira metade do XX. Deles son vivencias como as casonas de indianos na Villalegre de Asturias ou unha outra casa de patio e balconadas interiores, no estilo colonial, na Noia galega. Lembranzas aínda vivas da entrada de Fidel e o Ché na Habana, con rosarios pendurados. A Virxe da Caridade do Cobre na Pardiñas chairega, chegada da man de D. Domingo Cabarcos, retornado da Cuba de Fidel e fundador e creador do balneario de Pardiñas. Conversas en voz baixa de fortunas aló perdidas e incertezas sobre Cuba. A crise dos missiles no espertar da mocidade. Pasado o tempo, Cuba un pueblo en marcha de Goytisolo, discos de vinilo chegados de non se sabe onde, cós interminábeis e nunca rematados de escoitar discursos de Fidel. O songorocosongo de Nicolás Guillén, o inalcanzable e mítico Lezama Lima e o goce inmenso, vivido, buscado libro a libro, e cadanseu libro un descubrimento, con Alejo Carpentier: Guerra del tiempo, El siglo de la Luces, Concierto Barroco... «Todo futuro es fabuloso» . Cuba ó cabo visitada e coñecida no 1985, mesmo cando un tamén coñeceu Siberia, na época da perestroika . Unha Cuba da escaseza, unha Cuba de acollida. Reencontros de vidas oidas. A comparación con Panamá, Santo Domingo, Honduras, O Salvador... O saludo, nos primeiros anos 90, a Fidel Castro no convento de San Francisco. A vida profesional permite encontros con colegas cubanos fora da illa: Un, aquí na España cidadán dunha vila santiaguina. Reflexo nidio da escaseza e dureza da vida na Cuba de Fidel, da esperanza no futuro fabuloso. Uns outros, en repetidos encontros e convivencias de traballo, en distintos países de América. Homes e mulleres do staff científico do réxime. Conversas en murmurio sobre da súa situación e a do seu país. Desas conversas e sabenzas cadrou normal coñecer a súa decisión de non volver a Cuba: A confirmación do insoportable. Alí deixaron familia e vida e comezaron unha outra chea de privacións e, de certo, de saudade. Non puiden aceptar que foran vermes. Foron para mín persoas que non deron aturado mais. Polo mesmo que un non pode esquecer, entre outros pobos, a toda Centroamérica, un sabe que non é posible vivir sen liberdade e mesmo que un coincida con quén a poden ter como fiesta movible, un sabe hai tempo que a falla de liberdade non ten coartada. Tampouco en Cuba.