EN SETEMBRO do 1939, Francia e Inglaterra espertan do seu sono, e tamén por compromisos que firmaran con Polonia, cando esta é invadida vense obrigadas a lle parar os pes a Alemania. Había cinco meses que rematara a Guerra Civil española, onde Alemania e Italia ensaiaran formas de guerra modernas, e a primeira a coventrización das cidades, que experimenta por primeira vez en Guernica. Coa tolerancia das democracias occidentais, Alemania xa se estaba quedando con media Europa, e era fácil ver que a II Guerra Mundial comenzara no ano 36 na España, aínda que disfrazada de guerra civil. Non foron poucos os políticos da República que agardaban que Francia e Inglaterra entrasen en guerra con Alemania, mentras na España se combatía, pois a sorte da contenda podería ser outra da que foi. Agás Inglaterra, Alemania ocupou Francia e todos os demais países da Europa até situarse nas portas da URSS. Italia axudoulle algo no Mediterráneo e nos Balcanes. En setembro do ano 40, Alemania, Italia e Xapón firman o pacto coñecido como O Eixo. Xapón, logo de ocupar unha parte importante de China, estaba por Indochina. Inglaterra era sometida a un forte bombardeo con a penas máis defensas que os célebres globos de barreira. E Norteamérica vendo con tal precariedade de medios á súa parente ¿que facía?. Nos primeiros meses do 41, Alemania invade Rusia. Con este panorama bélico que acabaría con Inglaterra de non ser detido, os EE.?UU. aínda non saben que facer. Os máis progresistas conseguen enviar algunha axuda a Inglaterra nun programa de «préstamo e arrendo». Os EE.?UU. son un país complexo onde teñen aparecido movementos racistas como o Ku Klux Kan, e entón tiña dentro un movemento de acercamento ás teses fascistas. Recordémonos do célebre aviador Charles Lindbergh... Pero o 7 de decembro do 1941 os xaponeses destruíronlles por sorpresa boa parte da flota no Pearl Harbour, e así xustificaron que tiñan que dar golpe por golpe. Inglaterra respirou con esperanza. Mentras Norteamérica se rearma, un ano logo do ataque xaponés, Rusia tiña cercadas as vangardas do exército alemán, e xa ninguén dubidaba que Alemania sucumbiría e o comunismo avanzaría sobre Europa, e EE.?UU., que foi atacado polo Xapón, daríalle preferencia á guerra na Europa. Aínda así, chegaron tarde e os rusos adiantaron as súas liñas no vello continente. Esta relación de datas sirve para ter en conta que os EE.?UU. non estiveron dende un principio na defensa das liberdades contra o fascismo, e que só entraron na guerra cando se viron atacados eles, e máis tarde cando comprobaron que o comunismo avanzaba. Norteamérica xa se viña distinguindo por unha sociedade moi mercantil e hoxe está sometida ós intereses dos fabricantes de armas e das petroleiras sen máis ideal que o de dominar e se quedar con todo. Todo isto dito con gran respecto polo seu pobo, no que xa hai moito do noso sangue, e con gran admiración por esa inmensa manchea de científicos e intelectuais que fixeron grande a ese Estado, e que fronte ás tropelías dos que se fixeron co seu goberno saben dicir not in our name . Non é extraño que Gary Vicau e Martin Sullivan renunciaran ós seus postos cando viron que se defendía o Ministerio do Petróleo e os pozos e se facilitaba o expolio e a destrucción nas galerías, bibliotecas e museos no Iraq.