O PRIMEIRO de todo, nada máis instalarse, foi montar a televisión. Xa está a emisora funcionando. Logo, case que ao mesmo tempo, a prensa. Foi así dende o principio dos tempos, incluso dende antes de existir ámbolos dous medios. Os novos amos aspiran a detentar, unha vez máis, o poder sobre as palabras. Primeiro, os tanques e, inmediatamente despois, o control sobre a información e a opinión pública. Tan importante na guerra son as balas coma as palabras. A ocupación necesita o seu discurso, dirixido fundamentalmente á poboación ocupada (mesmo liberada). A morte de xornalistas é unha traxedia e unha metáfora. Traxedia polo que significa a perda dunha vida humana, calquera que esta sexa, e metáfora porque a información (a palabra) non é nunca neutral, mesmo que se exerza dende a neutralidade. Alguén non quería que a cámara de Xosé Couso, ou dos compañeiros de Reuters, recollese o que estaba pasando, ou o que podía pasar, pois as situacións e os acontecementos non son nunca predicibles. Admitamos incluso a posibilidade de erro. Na guerra dos nervios, na tensión do combate, o obxectivo dunha cámara nun balcón é o máis parecido ao cano dun fusil con mira telescópica. Iso non quita responsabilidade ningunha a quen dirixiu as operacións contra o hotel Palestina, onde se aloxaban os xornalistas. Moito menos a quen deu despois as explicacións: ¡o edificio como obxectivo militar! Puideron discorrer outra disculpa. En realidade, todo forma parte da mesma loucura. Mais a cuestión de fondo é outra. ¿En que consiste exactamente o dereito á información? ¿Ata que punto e a que prezo pode exercerse ese dereito en condicións límite?Nos principios deontolóxicos deste oficio, fundamentados nos Dereitos Humanos e da Cidadanía a partir do século XIX e reafirmados, xa en termos máis profesionais, por un acordo unánime do Parlamento Europeo en 1993, a información considérase un ben común, un principio e un dereito democrático, inalienable, non unha propiedade particular (nin dos xornalistas, nin das empresas, moito menos do Poder). Velaquí unha cuestión básica que debe ser entendida e defendida en todo momento, pois sobre ela se afinca o sistema. Serve para a guerra de Irak e serve para experiencias máis próximas. A información fainos libres. Xosé Couso, igual que Parrado e os compañeiros de profesión que caeron estes días na batalla, deron a vida por este modelo, tan cheo de contradiccións, tan vulnerable, pero que constitúe a esencia dos nosos principios de convivencia, fundamento de todo un modelo de civilización. Debemos telos presentes dende a gratitude e dende a admiración. Tamén dende o sentimento dos seus amigos e familiares (aínda que isto non os console da súa perda).O discurso dos novos amos fundaméntase arestora na instauración da democracia no país ocupado. Outra vez as palabras, a intentar vestir ou disimular outro tipo de realidades: o petróleo, o control estratéxico da área, o modelo económico da globalización liberal, os intereses do lobby xudeo, as grandes compañías comprometidas no negocio da reconstrucción... A información é a única arma que pode desenmascarar eses intereses, poucas veces abertamente confesados. Unha información libre, por suposto, dirixida ao conxunto da cidadanía (a opinión pública, soberana), contrastada e realizada in situ, pegada ao terreo dos acontecementos, segundo os procedementos propios do oficio de informar, responsable e comprometida co sistema de liberdades que, en definitiva, é a defensa da xustiza e da dignidade dos seres humanos. En Irak empeza o día despois. Abofé que é a fase máis difícil. Que o xornal recén creado se denonime The Times of Irak non deixa de ser unha ironía, un paradoxo, tamén unha síntoma.