A CONFERENCIA que Vázquez Montalbán impartiu neste periódico sobre a relación entre memoria e literatura fíxome reflexionar acerca da importancia da lingua, da palabra, como recipiente no que se recolle a memoria colectiva dunha sociedade. As relacións entre lingua, pensamento e cultura constitúen un dos grandes debates da lingüística moderna. Non está demostrado que as palabras determinen a nosa forma de pensar, pero o que parece claro é que condicionan certas liñas de pensamento. A lingua, se non determina, si moldea, modifica e, en consecuencia, as nosas accións varían de acordo coa denominación que lles damos. Os eufemismos, os xogos de palabras e as simplificacións semánticas constitúen os mecanismos máis habituais para manipular e deformar os acontecementos. De entre todas estas ferramentas que conducen á balsamización da linguaxe destaca por obscena e incomprensible a expresión guerra humanitaria, empregada por vez primeira pola OTAN para se referir á guerra de Iugoslavia. O adxectivo humanitario aplícase en galego como sinónimo de bondadoso, 'que mira polo ben da humanidade'. De aí, as axudas, as misións, as organizacións... humanitarias. ¿Hai algo máis contradictorio, máis antagónico, que unha guerra humanitaria? Algún autor mesmo equipara esta fórmula con outras expresións inimaxinables como paz armada ou masacre xusta. Humanitario, ademais, non debe confundirse con humano ('do home'). Así, as catástrofes, as crises, as traxedias son humanas cando atinxen ó ser humano, pero nunca humanitarias. As guerras son guerras, non conflictos, nin crises, nin enfrontamentos, nin intervencións. E algunhas, como a de Iraq, nin sequera merecen o nome de guerra. ¿Invasión?