Abril

La Voz

OPINIÓN

XOSÉ CARLOS CANEIRO

02 abr 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

É UNHA sonata. A pesar do mundo, tan canalla, abril é unha sonata. Un exercicio de melancolía. Un abrir de par en par a porta clausurada do gozo, un vaso de licor, un concilio de bicos, un letargo da tristeza, un abrazo medido ao compás dunha canción de amor repetida entre as novelas, de Kafka, que o telediario relata. Abril é un mes proclive ao delirio e á luxuria, ao afán e á inmadurez. Abril nunca crece, como Peter Pan. Abril colecciona presaxios de boaventura e nenos sen dentes comendo chocolate nas prazas do mediodía. Abril é un álbum do Jabato, unha Barbie destrozada (porque o pijismo é un delito), unha horterada de Los Pecos, máis decentes que esta tropa de nacidos para triunfar que nin cantan, nin vibran, nin chicha nin limoná. Abril é unha rúa de terra onde demos o primeiro bico, unhas trenzas de sábado, a chuvia que pinta de pallaso unha praia de carnaval. En abril un quere ao ritmo do diapasón da vida, a saltos, frenético, desesperado. En abril, por todos estes motivos, debían demitir os políticos acaparadores de portadas para outorgar protagonismo ás flores, ao licor, á noite, aos bicos. Ou a Los Pecos, aqueles que cantaban en mi vida sólo quedan esperanzas . Coño, qué horteras eran Los Pecos. ¿O no?