A postura nuclear dos EE. UU.

| JORGE MIRA PÉREZ |

OPINIÓN

31 mar 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

REUNIÓN da Sociedade Americana de Física en Austin, Texas. Sesión especial sobre a postura nuclear dos EE. UU. Está o ambiente revolto. No ámbito científico non gustan algúns dos movimentos feitos dende a chegada da Administración Bush. Entre eles o manexo do estudio feito polo Senado para o abandono do tratado de prohibición de probas nucleares, baseado en tres pilares: a) dúbidas na capacidade de EE. UU. para mante-la fiabilidade do seu sistema de disuasión nuclear; b) dúbidas no umbral de detección do sistema internacional que vixila que ninguén faga probas furtivamente; c) avances que outros países poderían facer sobre os EE. UU. (mentres eles manteñen a moratoria) con probas de baixa intensidade. Abre fogo o premio Nobel Steven Weimberg, que alerta da insensatez dos gobernantes. Os temores de ataque nuclear por parte de outros países son pantasmas irreais. A continuación, un representante da Academia Nacional de Ciencias fala da infalibilidade do sistema mundial de detección: non se poden facer ensaios ás agachadas. Pero o máis preocupante é o que conta Robert Nelson, da Universidade de Princeton: hai fortes presións políticas e dos lobbies da industria armamentística para desenvolver bombas atómicas de baixa potencia, que penetrarían na terra e estalarían en profundidade. Pretenden cubri-lo oco entre as bombas atómicas clásicas e o armamento convencional. Poderían usarse, por exemplo, en Iraq para destruir búnkeres ou almacéns de armamento químico, «con poucos danos colaterais». Pero as leis da física, máis serias que as dos homes, evidencian que se trata dunha aberración: Para que unha bomba cunha carga de só o 2% da de Hiroshima non producise eses danos colaterais, tería que detonar a 50 metros de profundidade, imposibles de alcanzar por un misil pequeño, que só se pode enterrar 4 veces o seu diámetro. Máis aínda, unha detonación de 0.1 quilotóns (aproximadamente o 1% da de Hiroshima) en Bagdad, cunha densidade de poboación de 15.000 habitantes quilometros cadrados, causaría irradiación severa a máis de 50.000 persoas.Remátase criticando o escudo antimisís. Polo visto serve para pouco, pero sobre todo, para cabrear ó resto do mundo e forzalo a reinicia-la carreira nuclear. Todo o mundo alí tén claro que o máis seguro para os EE. UU. é volver ó tratado de prohibición de ensaios nucleares. Según se informa, invitouse ó Pentágono a defende-la idea do escudo nesta sesión, pero declinaron a asistencia. Seica teñen medo a semellante auditorio. Risas. A arrogancia intelectual dos físicos é igual en todas partes, será porque saben que ningún goberno pode viola-las súas leis...