O hidróxeno

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

DIN QUE o consumo de petróleo no mundo anda hoxe polos 80 millóns de barriles. É dicir, máis de 12 millóns de toneladas, o que significa o equivalente de transporte diario de 180 barcos semellantes ó lamentable Prestige multiplicado polo tempo medio de días de transporte. ¿Como pode substituirse esta inmensa cantidade de enerxía de autoxeneración que nos fornece o petróleo para soster esta tolería de civilización que estamos disfroitando e que algún día non lonxano imos padecer?De cando en vez veñen sabios , de laboratorios de instrumentos dixitais e despachos, a nos dar algunha esperanza con algo así como que no hidróxeno fica a salvación cando o petróleo barato se convirta nun ben escaso. Pode que os envíen para nos engañar con eso de que todo va bien e que podemos seguir confiando na sociedade de consumo e ser uns consumidores leais ós que están montando fabulosos negocios.E algúns deses sabios non son calquera cousa, como o Carlo Rubbia con premio Nobel, e outros veñen directamente de onde proceden estas añagazas, como Jeremy Rifkin, que deixou a moitos coa boca aberta, afirmando que o hidróxeno é a nosa segura esperanza, con moitas vantaxes de limpeza e non contaminación. O que non di é de onde e como se van tirar esas cantidades de hidróxeno para substituír á enerxía de 12 millóns de toneladas día.Din que a materia cósmica está formada en xeral nas súas tres cuartas partes por hidróxeno, mais acó no noso planeta a capa silical na que vivimos só hai óxidos de silicio e aluminio nun 70% e o resto son óxidos de ferro, titanio, etc. O hidróxeno témolo na auga e nos elementos que participan dela, e para separarlle o osíxeno necesítase unha cantidade de enerxía primaria, procedente, en xeral, do petróleo, superior á que aporta o hidróxeno liberado, o que resulta aceptable só para lanzar eses aparellos de foguetería tecnificada para vencer a gravitación terrestre ou en misións bélicas especiais. As teorías dos hidrogenistas remata de botárllelas por terra o físico Cayetano López.Os anglo-ianquis coñecen ben esta limitación dos recursos enerxéticos porque levan moitos anos roubando os hidrocarburos ós pobos que os teñen. Esto é o único que xustifica esa masacre que están a facer co Iraq para se apoderar do seu ouro preto , sen que poidamos calcular como se vai saír desta inmoral tolería en pleno século XXI. É probable que ganada a guerra do Iraq polos anglo-ianquis, tarde ou cedo irán polo petróleo de Persia, país que clasificaron xa como maldito, e asomados ó mar Caspio tentarán ir polo de Rusia e países ribeiráns. Estes expolios podían facerse impunemente polo século pasado. A estas alturas poden ter riscos impensables aínda coas luces dos egoísmos.Hai que lamentar que nós esteamos metidos neste fregado, cando o único terror é o que representa Bush, e o que representaron os ianquis para nós. Recordemos Cuba, Puerto Rico, Filipinas, e as tropelías económicas que fixeron e fan coa América hispana, na que se lles coñece como os gringos, que só pensan en roubarlles. Penso que máis de un equivocouse e estase suicidando politicamente, se non sabe rectificar a tempo.