Para enviar preguntas: quees@lavoz.es EXISTEN distintas definicións de comercio electrónico. A máis académica fala da «realización de tarefas de compra-venda co soporte de ordenadores conectados entre eles». Durante os tempos das empresas punto com deuse a entender que comercio electrónico só é o realizado con intervención da arañeira (web) baseada na interrede global (Internet). Pero os procedementos de e-commerce son moi anteriores á popularización dos intercambios de información en modo web: visual, orientado ás persoas.Nos anos 60 púxose en funcionamento a troca electrónica de datos entre os ordenadores das empresas relacionadas nunha cadea de subministro. Con siglas inglesas, deuse a coñecer como EDI: electronic data interchange. Este sistema, independente da Internet, relaciona as aplicacións (programas para tarefas específicas) dos ordenadores dos parceiros na compra-venda; e esténdese por todo o mundo, cunha norma universal auspiciada pola ONU.O comercio electrónico non debe facer distincións entre relacións empresariais ( business to business, B2B) ou de empresa e usuario ( business to consumer , B2C). Só debe tentar que se complete o ciclo documental (oferta, pedido e entrega, e os pasos intermedios) coa máxima axuda da telemática.Actualmente prodúcense grandes volumes de compra-vendas electrónicas entre empresas, e poucos entre empresas e consumidores finais. No derradeiro exercicio en pesetas, a Asociación Española de Comercio Electrónico calculaba que en España se negociaran 4,7 billóns en B2B (mormente co EDI) fronte a 80.000 millóns en B2C (baseado na web ).