«Volem pa amb oli»

OPINIÓN

08 mar 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

BARCELONA. Na zona portuaria. Enfronte, Mont-juich con todos os seus significados para a cidade, que se encheu de xentes de España cando a súa vontade histórica pon en dúbida a españolidade.As discusións de traballo pasan por palabras inglesas innecesarias: os expendedores automáticos chámanse máquinas de vending . Nun receso con café a conversa xira arredor dos idiomas, e a súa mostra en nomes e apelidos. Hai un paradoxo: entre os visitantes galegos predominan os nomes casteláns e os apelidos autóctonos. Entre os anfitrións, os nomes cataláns e os apelidos foráneos. Un barceloní apelídase (galegamente) Caneda. Dubida da orixe do nome de familia pero di que disimula , válelle para catalán. En Barcelona manda a catalanidade, polo que unha mostra de integración é mudar o nome. E mesmo se está a pensar en catalanizar apelidos: Martín como Martí, Sánchez como Sanchís, Pérez como Peris, López como Llopis, Fernández como Ferrandis... «Alomenos soan a xente procedentes dos Països Cataláns».O que estes cataláns fillos de charnegos non comprenden é que a máxima figura das letras galegas, Otero Pedrayo, non regaleguizase o seu apelido. Que os Seijos, Villanuevas, Mosqueiras e demais sigan castelanizados. Parécelles intolerable que unha representante do BNG manteña «o estigma da castelanización» no apelido...Falan con vehemencia de conversos. Queren ser cataláns, e quixeran estender a súa ansia de facer país aos galegos. Para algún home novo, que se atreveu a loi-tar contra o chapapote en Muxía, «Galicia é unha negación de nación. E a Igrexa galega, unha lingüicida».Un viaxeiro galego recoñece a desgracia, e lembra os seus tempos de traballador en Cataluña. En pleno franquismo, nunha fábrica con maioría de andaluces, fíxose unha folga pola comida da cantina e todo o mundo estivo de acordo en protestar á catalana. «Volem pa amb oli» berraban. E o xefe de persoal, franquista devoto, discutiu a solución en catalán.Velaí a diferencia.