SOMOS moi pouca cousa. Individualmente, un por un, a penas nada. Na Sociedade da Información e da Globalización o mundo é ben pequeno. Sentámonos diante do televisor e alí está todo: practicamente en directo, ou así nolo parece, fragmentado en pequenos anacos de trinta ou corenta segundos, nos telexornais. Unha das experiencias máis duras que vivín como cidadán foi a retransmisión en directo, alá contra o ano 91, da chamada Guerra do Golfo, promovida polo pai do actual presidente Bush. Xa daquela Irak era o inimigo. Sadam Huseín acababa de invadir Kuwait e a comunidade internacional apoiaba case que unanimemente a intervención bélica. Eu estaba en Italia, nun hotel. A televisión retransmitía en directo o espectáculo dos misís nocturnos sobre a capital e, no plató, o director do programa dirixía un coloquio con especialistas. Tódalas noites igual. As audiencias disparábanse. «¡A Historia diante dos nosos ollos!», anunciaba entusiasmado o presentador do programa, e axiña, entre conexión e conexión, daba paso á publicidade. Resultaba tan impresionante coma obsceno.Sospeito que estamos nas vésperas de algo parecido. Non vimos un morto daquela. Tampouco o 11 de setembro nos amosaron os cadáveres. Se acaso, os primeiros desesperados, guindándose dende os últimos pisos dos rañaceos. Logo, nin iso. As máquinas escavadoras soterraron a traxedia baixo miles de toneladas de cascallo sen que as audiencias internacionais tivesen ocasión de verlle a cara á morte. En Afganistán ocorreu o mesmo. Xa hai xornalistas preparados para acompañar a guerra outra vez, e contárnola desta maneira: nós, sentados diante do televisor, comodamente instalados nos nosos salóns domésticos; eles, as víctimas, enlouquecidas, a miles de quilómetros de distancia. Non teñen rostro nin voz. Son invisibles. Dicía Carlos Reigosa, nun magnífico ensaio publicado en 1997 ( El periodista en su circunstancia , Alianza Editorial), que os xornalistas gañamos a guerra de Viet-Nam e perdimos a guerra do Golfo. En Viet-Nam, as imaxes dos cadáveres, o rostro da traxedia, apareceu un día diante da sociedade norteamericana (e occidental) en toda a súa insoportable barbarie e conmocionou a opinión pública. Alí foi onde os Estados Unidos empezaron a perder a guerra. Pero o Poder deprendeu a lección e nunca máis volveu deixar entrar as cámaras no campo de operacións. Dende entón, os conflictos prográmanse, retransmítense, coma un espectáculo máis, e a información, converteuse definitivamente en propaganda. ¿Que mecanismos ou posibilidades de reacción temos a cidadanía diante deste novo modelo? Moi poucos, francamente. Son os tempos. ¿Podemos escandalizarnos de que a reacción utilice os mesmos recursos: o espectáculo desoutra barbarie que foi o atentado contra as Torres Xemelgas o 11 de setembro, por exemplo? ¿Debemos resignarnos a esta nova realidade, non por mediática menos esmagadora e cruel? Millóns de cidadáns saíron hai poucas semanas á rúa. Cidadáns do Primeiro Mundo, que son os únicos que polo de agora teñen algunha capacidade de actuar sobre os seus gobernos. Democracia activa e participativa, malia os que quixeran reducila a un mero trámite administrativo (as eleccións). Esa é a única esperanza. Esa e a recuperación dunha nova orde internacional que nestes momentos aparece máis ameazada e desestabilizada ca nunca.