O entroido

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

O ENTROIDO (do latín introitus, 'entrada') é o substantivo que designa ó 'período de tempo que abrangue os tres días anteriores á coresma' e tamén 'a festa que neste tempo se celebra'. En galego coexisten dúas formas moi semellantes, repartidas xeograficamente. A variante antroido é máis frecuente no norte de Galicia, fronte a entroido, máis estendida no sur. Con todo, ámbalas dúas conviven xunto con outras menos usadas como introido, entruido, entrudo, entrudio, todas elas procendentes da mesma forma latina. Destas, o galego escolleu como estándar a palabra entroido, fiel ás regras de evolución fonética. Ademais das acepcións comentadas, entroido fai referencia á 'persoa que se disfraza para a festa', e por extensión, 'aquela que viste dun xeito estrafalario ou ridículo' (¡Mira como leva a chaqueta, parece un entroido!). Este substantivo emprégase tamén para designar o 'monicreque que personifica esta festa, e que ó final se tira o mar, se queima ou enterra'. Por último, entroido utilízase como sinónimo de demo ou espírito maligno. Con entroido e antroido alterna a palabra carnaval (do italiano, carnavale, unión de carne e levare ). Xa que logo, esta expresión, coincidente coa castelá, é correcta na lingua galega. Derivada de entroido, xorde entroidada, que ademais da 'festa propia desta época', expresa a 'situación na que se suceden cousas grotescas impropias do momento ou ton serio no que se desenvolven'. (A reunión de veciños foi unha entroidada). Haberá que esperar outro ano. falar.ben@lavoz.es