A PELÍCULA Las horas está conseguindo difundir entre un público amplo a figura dunha escritora que ata agora se consideraba minoritaria. Virginia Wolf é dende hai moito tempo non só unha autora consagrada senón o que se di «de culto», ademais de ser un icono da cultura feminista. Pero todo o que se escribiu sobre ela ou as películas que se fixeron sobre obras súas estaba tinguido do tono elitista que caracterizou ó seu propio grupo literario de Bloomsbury. Esta película ten, entre outros méritos, o de demostrar o perto que pode estar a escritora da vida de xente corrente. Virginia Wolf foi, dende logo, unha muller e unha escritora excepcional, pero eso non significa que a súa excepcionalidade a converta en minoritaria. Eu, ós meus estudiantes universitarios, recoméndolles comezar a lectura de Wolf por unha obra de carácter ensaístico, que é unha verdadeira delicia pola maneira en que está escrita: Unha habitación propia ( A room of one's own ). Este libro recolle as reflexións da escritora sobre a relación das mulleres coa escritura. Encargáronlle un par de conferencias, comezou a darlle voltas á cabeza e dalí saíron unha serie de ideas e unha visión do problema que aínda hoxe segue a debaterse. Polo que se refire á súa maneira de escribir, de expresarse por escrito, V. Wolf representa o caso máis claro de rebeldía contra unha tradición que anula a personalidade individual. Ela rexeitou a tradición literaria inglesa por inadecuada á súa propia visión do mundo e á súa maneira persoal de expresarse. Os seus logros enriqueceron o panorama literario, e todo escritor, home e muller, se beneficiou deles. Pero as súas conclusións desbordaron ó ámbito do literario para incidir na maneira de estar e de vivir as mulleres no mundo. A expresión «un cuarto propio» representa ese reducto de intimidade, de independencia, de liberdade e de autonomía que todo ser humano debe ter, e que as mulleres non tiveron durante séculos. Confio en que os espectadores da película Las horas non se fixen só no nariz de Nicole Kidman.