Nodos telefónicos

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

20 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

OS HUMANOS somos seres fabuladores. Necesitamos relatar por medio da fala. Velaí logo a importancia da telefonía, que permite «falar lonxe». A telefonía é vella. Ten máis de 130 anos. Cando se iniciou, os t erminais (teléfonos) eran poucos e conectábanse por parellas, «punto a punto», cun par de fíos. Pero segundo aumentou o seu número houbo que inventar a técnica da conmutación , para que moitos terminais se puidesen comunicar de dous en dous facendo todas as combinacións posibles. Así naceron as centrais, que inicialmente funcionaban a man: véxanse as imaxes de ringleiras de mozas diante dun taboleiro a cruzar pares de fíos telefónicos con conectores. Esas rudimentarias matrices de conmutación foron os primeiros nodos da rede telefónica. Co tempo os nodos foron automatizados: convertéronse en máquinas electromécanicas programadas que obedecían á marcación de números de teléfono. Daquela (desde hai uns 80 anos) xa se falaba de redes constituídas por nodos conectados entre si por enlaces . Os terminais conectábanse por circuítos a través de enlaces e nodos. Nada mudou deses conceptos, aínda que na actualidade as comunicacións non son analóxicas senón dixitais , as centrais son ordenadores e o sistema telefónico é capaz de establecer circuítos entre terminais fixos e móbiles. As redes deben ser deseñadas de maneira que, cando se produce o fallo de algún nodo ou enlace, poidan reaccionar reencamiñando os circuítos por nodos e enlaces diferentes. Isto tampouco é novo e presenta similitudes coa lóxica das redes de transporte físico, estradas e camiños de ferro: en todos os casos procúrase evitar colapsos por vías alternativas .