Necesidade e satisfacción

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

CRÓNICAS INCONFORMISTAS

16 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

CALQUERA emprendemento que facemos prospera, en xeral, se o emprendedor se pregunta cales son as necesidades que pode satisfacer co seu traballo. Necesidades hainas naturais, artificiais, boas, malas, regulares, aplazables e perentorias. Son cousas coñecidas, recomendables para quen se vai a adicar ó comercio, aínda que todo o que se produce é comerciable. Moitos negocios fallan porque non se tiveron en conta as necesidades reais que ían satisfacer cos productos a facer e a vender; aínda que os negocios tamén poden arruinarse polos egoísmos dos que participan neles, ou porque non entenderon ben o valor do cambio. Dicíame unha amiga que emigrara co seu home a Venezuela «que si, que vendiamos moito no negocio que puxéramos, pero nos arruinamos pois según dicían vendiamos moi barato. Logo metímonos noutro negocio e o meu home dixo: pois agora imos vender caro, e tamén nos arruinamos, e vista a mala sorte que tivemos alá, nos viñemos para a aldea a traballar na panadería do meu pai, que agora é nosa, e vendemos ó mesmo precio que os outros panadeiros» . Desta conversa poden tirarse moitas leccións, de comercio, de tradición e de realidade. Mais esto é cousa miúda, e, se se quere, observacións dun vello conservador, aínda que libertario. Hoxe estamos metidos noutras liortas, e o tempo que vai vir pode que nos faga ver, se podemos contalo, este xardín das delicias que nos tocou vivir, con tanta sociedade de consumo provocadora dos apetitos humanos, de comer e beber, de dormisturarnos, de desplazarnos a velocidade, de voar, de comunicarnos de todo o que acontece (e non estea prohibido informar) até provocarnos con outros praceres máis carnais. Mais estas necesidades inventadas (convén dicilo unha vez máis) satisfácense porque apareceu ese combustible fósil cunhas virtudes traumatúrxicas que o posibilitan todo. Mais trátase dun ben que axiña pode ser escaso. E de pronto, quen utiliza e nogocia máis con ese combustible, gracias ó que conseguiu converterse nun gran imperio económico e nunha inigualable potencia militar, de pronto, digo, se decata que para asegurar o seu poder a súa principal necesidade é asegurarse os máis importantes recursos petroleiros, e de aí ven a guerra que se propón para conquistar o Irak e satisfacer as súas perentorias necesidades. E aí veñen as acusacións que xustifiquen a guerra: que se o rexime de Bagdad non é democrático -cando o Bush se apoia nas dictaduras dende as que vai atacar ó Irak (cando eles estiveron protexendo a Franco 40 anos, e ó Pinochet, e ó Videla...)-; que si ten armas de destrucción masiva... ¿Só o Irak? Hoxe, os EE.?UU. de Bush son eles un problema para toda a humanidade, pois todos nos podemos ver implicados pola decisión de satisfacer as necesidades de petróleo nunha guerra nun punto neurálxico do planeta. Malo é que entre nós poida haber xentes entregadas ó suposto poderío ianqui, que poden ser as mesmas, ou consanguíneas, que antes se entregaran ó poder do Terceiro Reich contra a democracia xudaica ianqui, porque algúns van só detrás dos que mandan.