FALAR BEN
15 feb 2003 . Actualizado a las 06:00 h.A TRÁXICA noticia da desintegración do Columbia a 60 quilómetros da Terra con sete tripulantes a bordo fixo agromar nos medios de comunicación termos relacionados coa investigación espacial. Algúns deles estanse empregando de xeito incorrecto. En galego non debe usarse o castelanismo *cohete. Segundo o Diccionario da Lingua Xerais (2000), denomínase foguete, por un lado, ó 'artefacto pirotécnico que leva unha carga de pólvora sostida nunha cara e que, cando lle poñen lume, sobe e estala no aire' (No día da festa adoitan lanzar foguetes; O rapaz tenlle medo o ruído dos foguetes...). Por outro lado, foguete aplícase ó 'proxectil lento propulsado que se emprega como arma de guerra ou para investigar o espacio exterior'. Con este mesmo sentido utilízase en portugués: «O futuro da principal missão européia está em jogo despois do desastre que destruiu o foguete Ariane 5 », podíase ler hai unhas semanas na prensa. Neses días era noticia o ataque a dous soldados israelís cun foguete anticarro lanzado por palestinos. Foguete con este significado é sinónimo de mísil. Tamén nos xornais escritos en lingua portuguesa aparecía este substantivo: «Dois soldados israelenses ficaram feridos na madrugada de hoje por palestinos que acionaram un foguete anticarro contra uma patrulha». Figuradamente emprégase foguete para referirse á 'persoa que se move con moita velocidade'. Ter un foguete no cú é 'non ter paraxe'. Pero máis especial, que non espacial, é botar un foguete , como ben expresou Manquiña no filme Airbag. falar.ben@lavoz.es