ERA SABIDO que había moitas formas de marea negra. O que non se esperaba era unha confirmación tan pouco disimulada. O medo é libre e circula tanto polas cabezas como polos pasillos, e xusto nas corredoiras de San Caetano circula o temor desde o día que os profesionais do espectáculo deron aire nos premios Goya contra a marea negra e contra a guerra. Agora a Xunta de Galicia non disimula a súa interpretación da cultura e sen medo do que diran e sen coñecementos de estratexia, nega a celebración da gala dos premios Max en Galicia para evitar que ninguén da profesión diga nunca máis en televisión. O obvio é que esta é unha forma de censura, refuxiada no indiscreto cinismo da disculpa de que os cartos irán a cousas mellores. Tan obvio como esto é ter a certeza de que a profesión non calará, senón que insistirá nas súas protestas. En lugar de facelo aquí, farao noutro lugar e, ademais, terán un motivo que engadir a ese clamor do despropósito que é a marea negra e a guerra.