HAI varias semanas cando me preparaba para asistir a unha voda comentaba cun amigo as nosas respectivas indumentarias. En medio da conversa este rapaz resolveu: «Llevaré corbata si me peta». Reparei, entón (sen que el se decatase), nas posibilidades semánticas que ofrece a forma petar no noso contexto lingüístico. Este verbo ten unha primeira acepción: 'dar golpes nunha cousa ou nunha persoa, bater' (Como petes tan forte na mesa vas rompela). Petar é tamén sinónimo de mallar, pero ademais significa 'chamar á porta dando golpes co puño' (Petoume na porta pero non o oín). Con estes significados calcouse tamén ó castelán de Galicia: « Petó tan fuerte en la mesa que me asusté», e hoxe en día na lingua dos máis novos é habitual escoitar expresións do tipo: « Me petas y quedamos», isto é, 'me timbras', 'me das un toque'... Sen dúbida, é a terceira acepción de petar á que desvela o sentido da frase do comezo. Porque petar en galego significa 'apetecer', 'ter gana de algo' (Falarei con el cando me pete; Hei de ir se me peta). De aí que no castelán de Galicia se manteña co mesmo sentido: « Llevaré corbata si me peta», expresión incorrecta dende o punto de vista normativo. Son moitos os exemplos que atopamos deste verbo na lingua oral, pero tamén na lingua escrita. Como mostra destaca o poema de Celso Emilio Ferreiro Deitado frente ao mar: «Lingoa proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si, porque me gusta, porque me peta e quero e dame a gaña». Por certo, o meu amigo, ó final, levou gravata. falar.ben@lavoz.es