Criterios de precaución nos mercados

OPINIÓN

A REALIDADE é teimuda: hai mareas vivas, hai temporais. As praias, e as avisadas miradas dos mariñeiros, dan con galletas, roscas ou trenzas de chapapote. O de menos é si son de fuel novo, recén saído do aínda supurante Prestige , ou desprendementos dende os cons, rochedos ou coídos. Andaban o Goberno e a Administración na tarefa de normalizar o marisqueo e aquelas outras actividades pesqueiras, e o mar enrabechado abafa o seu traballo pousando de cotío fuel visible. Non é tempo de dubidar da calidade e salubridade dos productos do mar que se envían ó mercado, pois o obxectivo do seu envío -por riba de calquer outro- é a propia recuperación dun mercado que a catastrofe do Prestige obriga a abandonar tempo demais. Mais si cabe preguntarse se diante da persistente campaña de mercadotecnia negativa que as arribazóns de chapapote supoñen, o esforzo normalizador do Goberno e a Administración non xogará á contra desa recuperación do mercado. Porque, por si ou por non, lendo, escoitando e vendo rastros do negro chapapote día sí e día tamén, resulta difícil aventurar unha resposta positiva dos mercados por máis que ministros, conselleiros e persoeiros garantan a salubridade dos productos sostida en análises organolépticos ou mesmo químicos. E se as percepcións do consumidor están lonxe dun mar normalizado, non semella que o esforzo por cambialas pague a pena. O desenvolvemento industrial esixía que houbera que demostrar a perigosidade dos productos antes de que puideran ser prohibidos. O principio de precaución invirte a carga da proba: é preciso demostrar a inocuidade dun producto antes de poder poñelo no mercado. E no afortalamento e a recuperación dos mercados, non chega con garantir a inocuidade dos productos, ten tamén que parecelo.