CANDO o xuíz Garzón ilegalizou a Batasuna, moitos entendidos predixeron a grande catástrofe que se lle viña ó País Vasco e ó resto de España. Non pasou dunha simple anécdota. Agora unha rapaza de Galdácano, Ainhoa, faise máis popular que Otegi, un personaxe que non leu un libro e que non ten máis discurso político que o de «o conflicto vasco resólvese coa autodeterminación». E para os que queiran entender, coa independencia e a anexión de Navarra e Iparralde. ¡Que profundidade intelectual a deste personaxe, que noutro país europeo estaría a bo recaudo...! Se non fora polas pistolas e polo adoutrinamento dende os medios de comunicación que subvenciona o PNV, aquel fermoso e próspero país, co alto autogoberno que ten, deixaría de nos dar a lata ós contribuíntes. E que ha deci-las cousas con claridade e deixarse de coñas mariñeiras, como fan algúns, apoiando o Estado libre asociado. O País Vasco é outra cousa: boa xente amedrentada. ¡E que gañe Ainhoa de Galdácano!