Noticias no tempo

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

31 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

O PRESIDENTE (Aznar) debería de entendernos. E se non nos entende, alguén debería explicarllo. A abalancha de diñeiros, en forma de promesas, que a pasada semana anunciou na Coruña o Consello de Ministros foi espectacular. Pero a miña avoa tiña unha palabra na boca para estes casos: «nunca tanto ben xunto». Miña avoa, coma tanta xente vella do país, levaba dentro de si ese mecanismo psicolóxico que facía que nada fose verdade ata que o sentise na man, diante dos ollos. As cousas que non tocaba, non existían. Era unha muller desconfiada. Pero non distinta de centos de homes e mulleres de Galicia. Os galegos levamos demasiados anos desconfiando. Non o podemos evitar. Temos razóns dabondo. Desconfiamos de todo e desconfiamos tamén de nós mesmos, que é o máis grave, porque é algo que nos tolle e nos paraliza. Carlos Fernández, nas páxinas deste mesmo xornal, recordábanos aínda hai pouco as promesas aquelas dos consellos de Meirás, cando o Xeneralísimo acampaba na Coruña e o mundo se enchía de milagres (nas páxinas dos xornais): o Superporto de Arousa, o Plan de Accesos, que tardou máis de vinte anos en realizarse (e xa estaba vello cando se acabou), os Planes de Desarrollo , con investimentos que nunca se materializaron... Tamén Franco empeñaba a súa palabra. ¿Canto dura a palabra dos gobernantes? ¿Onde estarán dentro de cinco, seis, dez ou vinte anos os que agora tanto prometen, pois que ata aló chegan algúns prazos anunciados (os que concretaron)? Onte, en Ferrol, un grupo de estudiosos amigos de Gonzalo Torrente Ballester reunímonos para lembrar a súa obra e a súa memoria. Tocoume falar da presencia de Torrente nos xornais: nas páxinas do vello Informaciones (Los Cuadernos de la Romana, Torre del Aire) e do ABC (Cotufas en el golfo) . Na procura de textos de referencia batín cun de 1979. Di literalmente: «¡Qué ingenuos estos gallegos, tan listos, según dicen! Uno me cuenta: `Vino un señor de Madrid, debía de ser el que gobierna los vientos; nos garantizó que la marea negra no tocaría la costa y se marchó. Ocho días pasaron, y en la costa de Lugo hay una cuarta de petróleo (...) Si Galicia pudiese recobrar la unanimidad de que otras veces dio muestra, se abstendría de votar, se quedaría sin diputados y senadores, sin concejales, sin alcaldes... ¡Para lo que sirven!¿». Somos un país historicamente castigado, mallado de máis, e a reacción popular é poñerse fóra do sistema. O reto da modernidade consiste precisamente, na miña opinión, en sacudir de enriba esa pexa psicolóxica. Só unha Galicia segura do seu, segura dos seus dereitos e das súas razóns, segura (tamén) dos seus gobernantes, poderá enfrontarse con algunha posibilidade ó futuro (incerto, pero posible). A desconfianza non é boa, ben o sabemos, pero ten raíces profundas. Iso é o que deben entender o presidente Aznar e o presidente Fraga, comprometidos de novo coas promesas; e maila oposición, que está chamada a tomar o relevo no seu momento, e debe ofrecer alternativas, non extraviarse en retóricas. En 1881 houbo grandes inundacións en Padrón. As terras baixas do Ulla ficaron asulagadas polas cheas, a auga corría a cachón polos camiños, entraba nas casas e, durante dous ou tres anos, perdeuse a colleita toda. Fame e abatemento. Disque a fame chegaba ás portas de Compostela. Así o relata Rosalía de Castro nunha crónica que, asinada en Lestrove, publica por esas datas en La Ilustración Gallega y Asturiana : «¿Habrá de ser esto eterno?», escribe. «¿Querrá el cielo que los esfuerzos de algún buen hijo de este país alcancen del Gobierno de la nación lo que tanto se necesita? (...) Tan acostumbrados estamos a no ver realizado en Galicia nada de cuanto convenga al bien público que ni fuerzas ni fe tenemos para esperar en el porvenir».