Dimisión

| SANDRA FAGINAS |

OPINIÓN

OS ACONTECEMENTOS destes dous meses salpicaron á situación política galega. Hoxe, cando xa se ten producido máis dun afundimento, as páxinas dos xornais comezan a recoller as consecuencias desta forte marusía. Tamén a lingua abanea inestable entre tanto vaivén: ¿ demisión ou dimisión ? Se observan detidamente os periódicos destes últimos días decataranse de que ámbalas dúas formas alternan, non só na mesma páxina, senón no mesmo parágrafo e ás veces ata na mesma frase. O significado é idéntico nos dous casos: 'comunicación que se dirixe á autoridade correspondente na que se expresa a decisión de abandonar un cargo'. Mais ¿cal das dúas é a correcta? O galego escolleu como estándar o substantivo dimisión , a única forma que recolle o Diccionario da Real Academia Galega (DRAG), e que prefiren outros: Xerais (2000), Cumio (2001). O substantivo dimisión conserva o i etimolóxico (do latín dimissionem ) como noutras linguas románicas (en italiano dimissioni , en castelán dimisión ). Sen embargo, os seguidores doutras normativas distintas da oficial prefiren o uso de demisión , en consonancia co portugués demissão e co francés démission. A vacilación que afecta a estes substantivos trasládase tamén ós infinitivos. De acordo co estándar dimisión, o Diccionario da Real Academia Galega recolle o verbo dimitir (do latín dimittere ). Mentres que quen emprega demisión usa demitir. Xa que logo, as formas con i son as únicas que cómpre utilizar en galego oficial. falar.ben@lavoz.es