Deus fala na noite

XOSÉ CHAO REGO

OPINIÓN

A NOITE ten mala fama acaso porque o ser humano se experimente impotente verbo dela. Mesmo nun século tecnocrático a Unión Europea ten que xogar coas horas do calendario para aproveitarse da luz do día. Aí está a cuestión: o gran berro da creación é o de «Fiat lux» (fágase a luz), pero nosoutros o único que podemos é darlle a un interruptor, non para crear senón para interromper, acender e apagar luz artificial. Ata que rompe o día, o ser humano nada pode facer se non traballar de sol a sol. Un libro que cubriu a miña adolescencia de utopía titulábase Deus falará esta noite . Un dos textos máis fermosos da Biblia é o relato do neno Samuel no templo; séntese chamado a meia noite e pensa que é o sacerdote Elí. Pero este indícalle que a próxima vez responda: «Fala Señor, que o teu servo escoita». A partir dese momento, Samuel aprendeu a falar escoitando. Ante Deus non caben peguntas, soamente respostas. A noite, tempo de maduración, ámbito do Amén a Deus.