A OFENSIVA do PP contra a marea negra xa está aquí. Despois de fracasar planetariamente cando máis o necesitamos, de ver como a sociedade civil e a oposición política actuaban para encher o baleiro da súa ineficacia política, agora acoden á acción política tal como a entenden. A resposta é toda unha lección das eivas da nosa democracia, porque non responden atendendo ás demandas sociais, nin asumindo responsabilidades políticas, senón usando a administración e os resortes do partido para facer como quen... A reacción ben envolta en fabulosas reformas legais para combater o terrorismo e a delincuencia. En forma de carta aos reis magos das infraestructuras, cando xa pasou o día 6. En consignas mediáticas dos ratiños que non abandonaron o barco. Primeiro ensaiaron o que viña dando resultado: opoñerse á oposición, e como non funcionou están ensaiando opoñerse á sociedade. Nunca Máis é patrimonio de Galicia, ata do Papa de Roma, mesmo foino da Deputación de Ourense. Pero o medo, ademais de libre, é mal conselleiro. Manchar unha sociedade libre en vez de escoitala non é cousa de liberais, tampouco de populistas. Botar lixo a unha sociedade que berrou con libertade por primeira vez en muito tempo si é un delito de lesa patria e de lesa democracia. Se non atenden ao pobo, nin ao Parlamento, polo menos que pidan perdón á Natureza. Case me chega.