Os cambios no século XX

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

06 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

ESTASE A falar dos grandes cambios que tiveron lugar no século XX, dos que serían protagonistas sabios científicos da psiquiatría, da química, da física, das matemáticas... Penso que estes sabios foron só subsidiarios da gran transformación social impulsada por teorías revolucionarias, xeradas no corazón da Europa capaces de movelo todo para ao final caer na realidade da condición humana. España entra no século XX cunha perspectiva de derrota, pos os ianquis remataban de deixarnos sen as últimas colonias que tiñamos: Cuba, Puerto Rico e Filipinas. Non se comprende como aínda hoxe pode haber cipaios ao servicio destes usurpadores terroristas. Mais na primeira metade do século XIX, sobre un fondo de insurxencia dos asalariados, o pensamento dun economista vai percurar luz sobre este problema, estudiando e teorizando o que pode acontecer se á acumulación capitalista, que é a responsable, non se lle paran os pes. Falo, claro está, de Carlos Marx, quen xa en colaboración con Engels van publicar no 1848, en Londres, o primeiro Manifesto Comunista, que despertará gran interés en toda Europa, o que da lugar á formación de partidos comunistas por todo o continente. En principio o capitalismo non lle presta atención pensando, posiblemente, que se trataba dun nome máis dos que adoptan grupos proletarios e sindicatos. Mais xa a principios do século XX, xunto cos movementos ácratas e socialdemócratas, empezaron a ter unha certa forza, sobre todo en países como Rusia, onde o problema das desigualdades sociais era máis agudo. Simplifico por esixencias do espacio. Na primeira guerra mundial, un comunista ortodoxo e hábil, como Lenin, refuxiado en Suiza, os alemáns facilítanlle a entrada en Rusia coa esperanza de que lles creara un problema de descomposición social. Mais en contra destes propósitos Rusia parou a guerra con Alemania e no ano 17 a revolución comunista xa era unha realidade trunfante, que as potencias occidentais non van tomar en serio pensando en que será outra revolta espartaquiana de tantas que ao final será vencida pola sociedade burguesa que sempre dominou. Pero cando se decataron do seu erro, axudáronlle aos reaccionarios con guerras por varios flancos. A partir de saír do erro empezaron a apoiar cantos movementos anticomunistas aparecían. Primeiro a Italia fascista; logo Portugal; finalmente a Alemania nazi mesturada coa Guerra Civil española, onde trunfa o fascismo. Con esta tolerancia Alemania foi papando todas as nacións do Este, ademais de Noruega, e penetrou en Rusia. A equivocación do Xapón de atacar a Estados Unidos vai despertar a esta potencia do sono aislacionista que padecía. Esto e a heroica defensa do exército ruso, que lle corta a cabeza ao exército alemán no Volga, determina que o fascismo seña barrido da Europa, menos da península Ibérica, onde o van seguir tolerando como unha reserva, mais ao final o comunismo imponse sobre todas as nacions europeas do Este e unha parte importante de Alemania, mentres que en Asia e noutros países estaba prendendo. O mundo capitalista reaccionou coa sociedade de consumo, satisfacendo a fame de cantos apetitos e flancos débiles temos, afondando a nivel global a distancia entre países ricos e pobres, enterrando a liberdade e a democracia na basura. Estes son os verdadeiros cambios do século XX que poden reventar no XXI cando escasee o petróleo.