Sofía

XOSÉ CHAO REGO

OPINIÓN

EN 1827 descubriuse que o óvulo feminino é activo. Antes, cando querían dicir que unha criatura que ía nacer sería de Deus, eliminaban o principio masculino. Fálase de que o Espírito fecundou a María, esquecendo que en hebreo a palabra Espírito -a Ruah-, é feminina. Xa dicían algúns herexes gnósticos: ¿como vai concibir unha muller fecundada por outra? Cando eu digo Materno Espírito é coa intención de incluí-lo principio feminino no seo da Trindade. Deus é pai, dicimos, Xesús Cristo é fillo. Pero Deus tamén é nai. Mil anos antes de Cristo aparece a deusa exipcia Isis aleitando a Horus: virxe e nai, ó tempo. Este culto estendeuse polo Mediterráneo. A semellanza de Sofía ou Sabedoría é grande. Unha sabedoría personificada, que senta con Deus no trono. O padre Congar, cardeal, afirma que «na devoción católica moderna a función maternal do Espírito Santo foi suplantada frecuentemente pola Virxe María». Estas cousas non deberían asustarnos. Pouco creto tería a Biblia se non xogase coa linguaxe universal dos símbolos.