QUÉRASE ou non, os que coidan que gobernan se non teñen en conta a tradición, entendida como traspaso e suma de valores que nos precederon, van por a intranscendencia, aínda que fagan cousas grandes por aquelo da grandeza das Pirámides, que en si foron medrando respectuosas dunha tradición. Mais o problema noso non está por aí, aínda a copia das Pirámides, senón porque pertencemos a un área cultural desenvolta na fachada atlántica da Penínsua Ibérica con intereses comúns (nesto do chapapote nos entendeu mellor Portugal que Madrid) e fanse os xordos. O Estado español ten unha conformación cultural medieval de pobos diferenciados, de nacións que persisten a pesar do amordazamento de séculos, por ese falso nacionalismo desenvolto na meseta por quen tiñan tanto poder como egoísmo e fachenda. Mais de privilexios iamos a escreber, pero mesturouse o medievo e convén relembrar que as características culturais dos pobos prevaleceron por riba de calquer consideración moral ou inmoral. Así os privilexios dos señores feudais que mandaban na nosa terra era omnímodo con independencia das formas culturais. Exercían a tiranía en galego. Cando hoxe se fala de dereito de pernada que se tiña que pagar ó señor feudal para que este non exercese a facultade que lle correspondía de difroitar coa noiva a primeira noite de casada, non era só o trabuco de pernada ó que estaba obrigado o pobo; outros como facendeira, gayosa, calzas, luctuosa, mañería, enliza, novicio, conducho, yantar... eran trabucos que o pobo tiña que pagar por dereito a traballar, a ter fillos, a casar, a herdar, a vender, ou a mudarse, trabucos que foi creando a igrexa para ir sustituíndo o «dereito a todo» o que lle petaba ó señor feudal. Os tempos cambearon e os privilexios bestiais do feudalismo fóronse sustituíndo por outros máis sofisticados de acordo coas novas técnicas. Hoxe asocian e mobilizan a todo un Estado para ter o privilexio de dominar o mundo, como fan os Estados Unidos, xunto coas súas marionetas. Nembargantes, a un nivel moito máis baixo, a os que están á fronte dos emprendementos privados esíxelles o único privilexio que poden ter para levar as cousas adiante, que é o privilexio de dar exemplo en todo: en entender, en saber os mecanismos da función que cómpre, o privilexio da dedicación e da moral... Certo que ese único privilexio non é nin pode ser igual, cara a fóra, nos procesos de investigación ou nas áreas máis ou menos mecánicas. Mais ter un único privilexio de dar exemplo en todo a quen máis teremos que esixírllelo é ós que están nos niveis máis altos da Administración dos países. Sorprendentemente, en medio de tanta confusión, agachadas e negativas, chega a nova do recoñecemento do valor da Institución Libre de Enseñanza e a restauración da súa sede. Está visto que Galiza ten aínda menos sorte e menos memoria que o resto do Estado español. Explícase ben as cousas que nos pasan e como nos tratan.