UNHA SEÑORA chama dende Cataluña a unha enmisora de radio para solidarizarse con Galicia. O clásico magazine de tarde. A conductora do programa métea en directo. A señora ofrece roupa para os nenos da Costa da Morte e algo de diñeiro, na medida das súas posibilidades, e pregunta a qué institución ou persoas pode dirixirse. Galicia pasa por momentos difíciles e quere axudar. É sincera. Os contertulios que participan na audición, xente famosa, habituais neste tipo de programas, aplauden a xenerosidade da espontánea e invitan a ós ouvintes a sumarse á onda de entusiasmo solidario. Poucos días antes, en TVE, Pedro Ruiz dirixía un programa de características parecidas. ¡Todos con Galicia! Cando eu era rapaz, Alberto Oliveras prsentaba na cadena SER un espacio de extraordinaria aceptación popular que se titulaba Ustedes son formidables . Diante de calquera desgracia, fose persoal ou colectiva, o locutor convocaba á audiencia e pedía axuda para os afectados. A resposta era espectacular. Falo dos anos 60. Durante dúas ou tres horas de audición (o programa emitíase os xoves pola noite), o público chamaba e daba cartos, roupa, víveres, o que tiña, para sacar adiante unha familia, para financiar unha operación grave ou para facer fronte á catástrofe. A retórica do locutor era estremecedora. As miñas tías choraban diante do receptor, nunca souben moi ben se pola desgracia dos afectados ou conmovidas pola resposta popular, que certamente era contaxiosa. Algo parecido estivemos a ver estes días. En certos círculos (algúns medios de comunicación, quero dicir) a catástrofe do Prestige planteouse desta maneira, e a reacción da xente foi exactamente a mesma. ¡Todos con Galicia! A señora da que falaba ó principio laiábase de que non hou-bese comida para os voluntarios, por exemplo, e de que as xentes da costa, castigadas polo chapapote, tivesen que botar man do que non tiñan para mantelos. Os contertulios cargaban as tintas. A desgracia vende. Ó final todo é espectáculo, ou susceptible de convertirse en espectáculo. Manuel Fraga, presidente da Xunta de Galicia, pedíu antonte en Madrid, diante da executiva do Partido Popular, un Plan de Recuperación para Galicia. Un plan de choque. Infraestructuras. O que levamos anos demandando (e que entendemos de elemental xustiza, nunca caridade) foi formulado polo presidente diante do seu partido como una necesidade urxente e elemental: autovías, tren de alta velocidade, un porto de acougo para A Coruña, equipos de prevención, remolcadores dotados, sistemas de anticontaminación, investimento económico e plans de desenvolvemento para as zonas deprimidas, entre elas ese triángulo que vai de Muros a Negreira, de Santa Comba a Muxía, sen esquecer a Galicia interior, nas provincias de Lugo e Ourense, castigadas pola desertización demográfica... Non hai futuro doutra maneira. Falamos de elemental xustiza, repito, en ningún caso caridade, por ben intencionada que esta sexa. Falamos de promesas mil veces formuladas (velaí as hemerotecas) e sistematicamente incumpridas, ou adiadas unha e outra vez, porque Galicia, na planificación estratéxica do Estado, segue a ser periferia esquinada, territorio non preferente, «país de naufraxios», que dicía o poeta, e seica temos que pagar agora o prezo máis alto para que alguén nos escoite (xa veremos con qué resultados). Mesmo apelou á dignidade persoal, o presidente. «Deixádeme sair con dignidade da vida política». ¿Cómo pode a nosa cidadanía permanecer indiferente diante de tal situación? ¿Cómo non pedir responsabilidades de todo isto? Disque o Goberno español decidíu tomar a iniciativa, preocupado pola resposta social e pola previsible perda de apoios entre o seu propio electorado. ¿Con cánto retraso? ¿Con que credibilidade, a estas alturas?