AGORA NON É cousa de andar a pelexar repartindo culpas entre nós, sen esquencerse de que algúns as temos. Agora compre ver como podemos salvar o que temos, pois recollido todo o chapapote e esgotadas as axudas económicas ós damnificados -que como esmolas poden ser xenerosas-, pode que o peor veña logo, dunha Galiza ferida pola man moura do capitalismo delincuente; porque hai un capitalismo normal que xa forma parte das nosas vidas, que facilita o aforro e racionaliza a inversión, que nada ten que ver con esa acumulación de capital amasada co petróleo, mentras dura e non ven a apocalipse, a desfeita, tolerada polos de colo-duro que fan leises privadas para protexelo. Non son os Gobernos, senón os intereses económicos que os obligan. No franquismo, cando o que presidía os consellos de administración das sociedades, influído polo autoritarismo do réxime, pretendía mandar sen respectar os intereses dos conselleiros, estes lle recordaban que o presidente o é para conducir o bo orde das deliberacións da asamblea e para levar a representación dos acordos que nela se tomen. É dicir: os intereses establecidos mandan por riba do autoritarismo, ó que utilizan, que se converte en cómplice duns intereses que poden ser mouros como a marea que soportamos. É absurdo porlle portas ó comercio, que compre unha función distributiva, que acompañou a tódalas civilizacións e formou parte da cultura de cada unha delas. Mais esa liberdade non pode ser ilimitada até chegar no seu crecemento á hipertrofia que remate converténdose en enimigo da humanidade, como a delincuencia da que está sendo víctima a nosa terra. Certo que esta delincuencia, repito, asociada ó petróleo, ten os días contados, pero mentras dura pode destruír a moitos pobos que teñen hidrocarburos nas súas entrañas, para que uns cantos poderosos se convirtan nos seres máis ricos do planeta, presumindo delo nos medios. Dende hai uns cantos anos privatizáronse moitas empresas do Estado. Pretextábase que algunhas eran ruinosas. Algunhas non estarían ben xustificadas e mal estruturadas. O certo é que ó INI, e a outras empresas estatais, mandaban ós que tiveran altos cargos no Estado e se encontraban gastados e Franco víase obrigado a desprazalos para lles dar traballo a outros que viñan petando na porta. Posiblemente, moitas empresas están mellor nas mans privadas de quen as entende. Mais non todas. Moitas das que privatizaron non melloraron, sobre todo no servicio social que comprían. Os galegos temos a amenaza de privatizarnos as autoestradas de peaxe, que empezaron sendo dunha sociedade privada que ó pouco tempo de ter en explotación os tramos A Coruña-Santiago e Pontevedra-Vigo entrou en ruina e tivo que tomala nas súas mans o Estado. Agora é unha empresa florecente, altamente rendible e os herdeiros do INI queren privatizala. Non se concibe unha medida económica peor para o Estado, só coa excepción de que ficara en capital galego de verdade. Temos dereito a pensar que pode haber uns amiguetes dos herdeiros eses dispostos a acumular máis capital. Mentras a marea negra segue facendo estragos no país, non está ben que alguén vaia a render pleitesía a quen da vía libre ós pistoleiros, soborna ós periodistas para que mintan, blíndase para non sofrir ataques mentras tenta desarmar ós pobos que teñen petróleo, o que máis ben se semella ó imperio de Al Capone.