HOXE cando chegaba á casa para xantar, a eso das tres, prendín a tele para ver como ía o da marea negra. O que vin foron unhas imaxes que no primeiro momento non recoñecín e oín unha voz de muller, rota polas bágoas, que repetía, «¡meu fillo!, ¡meu fillo !»... Era a nai dese rapaz guardacivil, asasinado canallescamente por ETA. Fiquei alí, de pe, abraiada, anonadada ante a presencia daquela dor que é a máis terrible que pode soportar un ser humán: a dor dunha nai pola morte dun fillo. ¿Qué se pode facer? ¿Qué consolo se lle pode dar?... Ela contou que a chamou a nai da nena de seis anos que morreu noutro atentado terrorista, e pedía xusticia, medidas para que nunca máis se repetiran feitos así. E volvía a falar do fillo e de cómo o seu sacrificio serviu para que non morreran outras persoas... e outra vez dicía «meu fillo, meu fillo», con toda a dor e todo o amor do mundo nesas dúas soas palabras: meu fillo... Impotencia Un pode ir á Costa da Morte a limpar chapapote, ou dar cartos para que outros limpen, e pode veranear en Galicia contra vento e mareas negras, e xantar os seus peixes e moxilóns, e axudar de mil maneiras, pero ¿qué se pode facer pola nai dun rapaz de vinte anos que morre a mans de terroristas que están matando impunemente dende antes de nacer el? Un día os penedos de Muxía e de Fisterra terán de novo á cor da pedra e ulirán a olgas; o mar será outra vez azul e verde, a escuma das olas será escuma e non petroleo; as praias da miña terra volverán a ter as areas máis brancas e mais finas de toda España. Pero esa nai non volverá a ver, nin a oír, nin a agarimar ó seu fillo. Un día, máis cedo ou mais tarde, a marea negra será so un mal recordo. Ese día, un oco que nada pode encher seguirá ocupando na vida dese nai o lugar que debería ocupar o seu fillo. As dúas desgracias poidéronse evitar. Está na nosa man. O que de verdad se desexa, fondamente, intensamente, acaba conseguíndose. Dunha vez por todas: ¡Nunca máis!