NON É a primeira vez que, nesta sección, cito frases e fragmentos de cartas dun estraño filólogo italiano, sardo de nación, como seu pai. Este, Pietro Molteni, faleceu no 98, e é co seu fillo, Pietro Molteni (fillo), co que me carteo agora. Bo coñecedor da literatura italiana do XIX, dedica parte dos seus afáns a traducir ó sardo algúns clásicos do materialismo histórico, especialmente Antonio Gramsci, paisano seu e, ó seu modo, correlixionario. A min Pietro Molteni (fillo) sempre me escribe en galego normativo, que coñece moi ben (o galego e a norma oficial). Na carta que recibín onte -urxente- non me fala de Lingüística nin de Literatura, dúas das súas paixóns; fala, ex abundantia cordis , de política, outra paixón deste profesor que nunca foi político profesional. E fala -o que non me sorprende- de política galega: de política, de ecoloxía e de economía de Galicia. Lector asíduo do Inferno de Dante, fai descricións dantescas da actual Costa da Morte, que el visitou, con entusiasmo, o verán pasado. Na carta hai un mollo de afirmacións que deberían ler e memoriza-los responsables parciais das causas da Catástrofe e os responsables totais de que o Desastre non sexa mínimo. Afirma Molteni que os políticos en España, aínda os menos irresponsables, son serodios (tardíos -aclara, por se non entendo a palabra enxebre-). Afirma Molteni que o Goberno español non actuou, nun principio, coa celeridade que esixían uns indicios tan alarmantes que atemorizarían a un neno de oito anos. Afirma Molteni que o Goberno español é profano en indicios. Afirma Molteni que o Goberno español, pobre en intelixencia, é rico en insensibilidade. Afirma Molteni que tales gobernantes non os merecen nin os seus entusiastas votantes. Afirma Molteni tales cousas que eu, educado nas artes censorias do franquismo, non me atrevo a publicar. Na carta faise unha disquisición ó mesmo tempo elemental e brillante. Afirma Molteni que ás dúas horas da primeira noticia sobre a posibilidade do afundimento do barco, deberían comparecer en Muxía ( sic ), co presidente do Goberno, como mínimo, cinco ministros: o de Medio Ambiente, o de Pesca, o de Defensa, o de Tecnoloxía e o titular da carteira de Situacións de Emerxencia (que tería que crearse nese momento e para sempe). Ese gabinete de crise, actuando in situ (tamén para a foto), debería convocar, unha hora despois, a técnicos do país e estranxeiros coñecedores de experiencias semellantes. Deste xeito, examinado o barco e o mar por quen sabe de mar e de barcos perigosos, os políticos irían, desde a primeira hora, arrostrando a situación, non deixándose arrastrar por ela. Afirma Molteni que tamén se debeu crear, nese mesmo instante, a figura dun ministro de Información digno de tal nome. E afirma Molteni -que nunca foi separatista sardo- que cómpre volver a aqueles tres versos de Rosalía de Castro: «Probe Galicia, non debes /chamarte nunca española, /que España de ti se olvida...».