TRIBUNA
15 dic 2002 . Actualizado a las 06:00 h.DESDE QUE SE disolve o Parlamento de Galicia para concorrer ás urnas ata que se volve constituír unha vez celebradas as eleccións deben transcorrer por lei un mínimo de 74 días. Un prazo razoable entre a constitución da nova Cámara e a formación do Goberno comprende un período doutros 30 días, no caso de haber maioría absoluta. Espacio de tempo que se tería que ampliar aínda máis no caso hipotético de non existiren maiorías claras, co fin de que os partidos negociasen a composición e o programa do novo Executivo. Á interinidade institucional forzosa que se produciría nestes tres meses e medio, co Goberno en funcións e o Lexislativo pechado, habería que engadir un desprazamento obrigado na atención dos partidos que, sen dúbida, colocarían nun plano preferente a preparación das eleccións. Primeiro, abordando o proceso interno de elaboración de candidaturas e de programas, e despois, concentrando esforzos na transmisión de mensaxes á sociedade. Á vista desto, ¿pode considerarse sensato e razoable que, mentras Galicia se enfrenta ó desastre ecolóxico máis grave da súa historia, a clase política se embarque nunha aventura electoral? Coido que non. Na miña opinión, os responsables políticos daríamos un indigno e insolidario espectáculo se adicáramos o noso tempo a ir de mitin en mitin, cando no mar e na terra se loita arreo contra o fuel e cando máis se necesita a firmeza e unidade de todos para vencer á catástrofe. Sen embargo, este é o disparate con que nos sorprendeu a oposición socialista e nacionalista, empeñada en tapar a irresponsabilidade de presentar unha moción de censura neste intre, coa irresponsabilidade maior de querer abrir un proceso electoral de inmediato. Coido que a proposta é a mellor demostración do fracaso da moción de censura. Este instrumento emprégase para facer viable unha alternativa de goberno coa composición que ten a Cámara no momento en que se discute. Pedir a disolución desta e o anticipo de eleccións supón un recoñecemento explícito de que, con esa composición, non é posible ningunha alternativa contra a maioría estable otorgada a Manuel Fraga polos galegos hai tan só un ano nas urnas. Pero este aspecto interésame menos que a irresponsable dinámica á que nos abocaría neste intre a pretensión do PSOE e do BNG. Os próximos tres meses van ser decisivos para vencer as secuelas que nos deixou o Prestige . Nos próximos cen días teremos que librar un combate crucial para repoñernos da pegada deste barco. Empregalos nunha confrontación electoral, cando aínda queda tanto por facer, obrigaría a desviar a atención dos frontes de traballo principais, que son combatir a marea negra, rexenerar e relanzar a economía das comarcas e sectores afectados, e impedir que se volvan repetir no futuro outros sinistros, recabando para todo elo a solidariedade de España e de Europa. Pero, ademais, nos colocaría diante dunha absurda interinidade no poder, nefasta para artellar as solucións que demanda a situación, e isto contribuiría a agravar o divorcio entre a clase política e a sociedade civil; unha fenda que deberiamos subsanar todos cantos formamos parte da primeira, tomando medidas sensatas e serias que fagan xustiza ós sacrificios do noso pobo. Poñerse como meta cambiar a correlación de forzas no Parlamento non é unha desas medidas imprescindibles agora mesmo. Responde a unha visión partidista, alonxada dos intereses xerais, que nos da a razón a cantos advertimos no comportamento da oposición un intento de rendibilizar políticamente a traxedia. Hoxe é o momento de empurrar todos na mesma dirección, seguindo o exemplo de xenerosidade que nos dan as xentes do mar e os milleiros de voluntarios que prestan desinteresadamente o seu apoio para eliminar das nosas costas o veleno que nos envía o Prestige . Disolver o Parlamento e anticipar as eleccións sería un gravísimo erro. Tempo haberá, cando saiamos desta situación, para retomar as carreiras electorais que tanto preocupan a algúns e para que os cidadáns nos xuzguen a todos co seu voto.