A outra marea

OPINIÓN

FOI MEDRANDO despacio, vagarosamente ó comezo, como o mar. Primeiro foron as mulleres de Muxía tecendo unha rede imposible; despois os voluntarios, acudindo sen ser chamados, mesmo sen ser queridos, case rexeitados; tras eles os estudiantes, sen protección, sen roupa doada; os mexilloeiros, destrozando barcos e aparellos para salvar a vida ameazada; a xente do mar, a corpo limpo, sen medios, sen recursos; a xente de terra adentro, clamando xustiza baixo a choiva... unha marea humana crecente fronte a outra marea de inxustiza, de abuso, de incuria, de explotación. ¡Non pasarán! Non poden pasar. Hai momentos na vida dos pobos en que o sentimento de rebeldía é máis forte que todas as opresións, que todas as desgracias, naturais ou provocadas. A que agora está a punto de afogar a Galicia baixo unha capa de petróleo e de desorganización púidose evitar. A risco estivo de deixar unha vez máis ó pobo galego sepultado nun soño secular de impotencia e de resignación. Espertando Pero o fogar de Breogan espertou; xa non pensa en emigrar como se pensou nos primeiros momentos («en Canarias non van caber tantos galegos»...). Xa non mira para o mar como para un deus caprichoso e duro que esixe sacrificios continuos («o traballo do mar é moi escravo, mellor buscar outra cousa...»). Non foi o mar o que trouxo a disgracia; foron xentes doutras terras e doutros mares os que botaron sobre o noso pobo esta marea de destrucción e de morte. E foron xentes desta terra que din que é a nosa os que deixaron que o fixeran impunemente. Pero esta vez non pasarán. Poderán encher de lixo os nosos caladoiros e as nosas reservas, as costas e as illas, os cantís e as praias. Intentarán seguir mentindo e enganando («non é marea que é vertido», «non é tóxico», «estamos xestionando»...). Pero esta vez Galicia non esquece, nin perdoa. Esta vez non pasarán.