SEGUNDO a lenda, o mundo subterráneo está sustentado sobre trabes de ouro. Moitos buscadores de tesouros agochados pasaron a vida tratando de encontralas. Mais, ¿que ocorre se alguén encontra unha trabe de ouro? Pois que, neste xogo de espellos que é o mundo, todas as trabes son dobres e cada trabe de ouro está indisolublemente unida a outra de alcatrán. É posible encontrar a trabe de ouro baixo terra e, segundo contan, algúns xa o lograron. Pero ao desenterrala, levaron con ela a trabe de alcatrán, que non pode ser tocada sen desencadear terribles catástrofes, levando a destrucción a sete cidades arredor. Non creo que ningunha das avoas que contaban esta historia a seus netos podía anticipar a terrible forma en que se faría realidade na Galicia de finais do 2002, que contempla impotente como o alcatrán converte algúns dos areais máis fermosos do mundo (¡Ai de Traba, ai de Rostro!) en viscosos lameiros negros. Sete cidades e máis de sete tremen de incerteza agardando a seguinte gadoupada. Algúns queren atribuír esta traxedia aos deuses ou ao cego destino. Pero quen cremos pouco no destino, sabemos que foi desencadeada por uns culpables concretos: por quen desenterran as trabes de ouro sen preocuparse polo alcatrán derramado. Sabemos que os responsables son a cobiza duns, os traficantes de petróleo, e a pasividade dos que están dispostos a dar moratorias, a suavizar normativas de protección ecolóxicas, a considerar que o custo da previsión é demasiado alto. Na Costa da Morte, en toda Galicia, somos moitos, como se demostrou o domingo, os que cremos que non é o noso destino sufrir cada dez anos unha marea negra. Que é posible tomar medidas preventivas. Que é indispensable cambiar a lexislación para protexer o mar, as rías, o noso tesouro, a nosa auténtica trabe de ouro, que agora se encontra en perigo por culpa dos que nos deixaron caer enriba a trabe de alcatrán.