DA PROSTITUCIÓN se fala pouco e non se estudia caseque nada; é unha realidade que sabemos que existe e que mesmo a practicamos pero na que non queremos afondar. Non coñecemos o alcance da falla de liberdade das mulleres prostituídas, quizáis o problema máis grave, nin o diñeiro que se move en torno á actividade e de quén e para quén vai, nin a situación de exclusión social na que se atopan as mulleres prostituídas (¿son marxinais porque son prostituídas ou son prostituídas porque son marxinais?). As poucas veces que se tenta falar do tema faise como problema de orde público; a mesma sociedade que xenera este mercado quere mantelo oculto, e estigmatiza a unha das partes; fálase do inevitable da súa existencia pero sempre utilizando a persoas alonxadas de nós; ninguén quere que as súas fillas sexan prostituídas, pero á vez case ninguen rexeita a prostitución; é unha das cuestións na que nos comportamos con maior hipocresía. Quizáis a prostitución sexa un dos principais sinais de desigualdade de xénero, na maioría dos casos as prostituídas son mulleres, ou, o que é peor, nenos ou nenas, pero prácticamente sempre este comercio o fan os homes. Na historia da que procedemos, promiscuidade, autonomía económica e liberdade de movementos estaban ben nos homes, pero mal nas mulleres. Coas mulleres fíxose unha dicotomía, unha diferenciación: a categoría de mulleres prostituídas créase como anverso da categoría de nais e esposas. Nesta dicotomía metéusenos a tódalas mulleres, dividíndonos en malas e boas; ou estamos nun extremo ou noutro. Non podemos ser simplemente nós, ocupar un lugar normal e tentar vivi-la nosa vida sen etiquetas. Parece que hai unanimidade sobre a ilegalidade e a falla de ética do tráfico de persoas, a pesares de que non se loita contra ese tráfico co interese suficiente como para evitalo. Este tráfico afecta a moitas mulleres e parece vencellado á situación de necesidade, as mulleres traficadas proceden de países en situación económica e social moi precaria; a nosa sociedade está a abusar desa inferioridade de maneira absolutamente inmoral, proporcionándolle a uns homes un producto (trátase ás mulleres como se foran cousas) e a outros unha fonte de enriquecimento a costa da explotación doutras persoas, de mulleres. Moitas veces as mulleres prostituídas son vendidas duns locais a outros como os esclavos de hai moitos séculos. E no caso das mulleres prostituídas do noso país, ¿son libres? A liberdade é o ben xurídico de máximo recoñecemento constitucional. ¿Están os poderes públicos a protexe-la liberdade das mulleres prostituídas?